Dará servizo no areal ás persoas con mobilidade reducida en episodios de altas temperaturas
25 jul 2026 . Actualizado a las 14:10 h.O Porto do Son conta desde onte cunha estrutura climática sostible na praia do Cruceiro, que ten como obxectivo servir de refuxio ás persoas con mobilidade reducida en episodios de altas temperaturas. Ata o areal desprazouse a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo alcalde sonense, Luis Oujo, para comprobar o resultado dos traballos, xa que esta medida foi posta en marcha pola Xunta mediante o seu proxecto piloto de praias inclusivas.
Vázquez explicou que a iniciativa busca crear espazos litorais «máis accesibles, inclusivos e adaptados ás necesidades de toda a cidadanía». Deste xeito, estas instalacións —que tamén se puxeron en Viveiro e Baiona e contan cun orzamento de 85.000 euros— facilitarán un uso máis seguro e cómodo da praia para as persoas con mobilidade reducida ou dificultades de desprazamento, subliñou a representante autonómica.
Sombra sen barreiras
Estes refuxios inclusivos están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas e fano sen barreiras arquitectónicas. Contan con espazos amplos, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e a seguridade.
A conselleira fixo fincapé en que estas estruturas se integran de «forma respectuosa» na paisaxe costeira.