Nadelas, o porto natural de Queiruga

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

PORTO DO SON

Porto Nadelas foi perdendo actividade e os barcos novos foron para Ribeira e Porto do Son.
Porto Nadelas foi perdendo actividade e os barcos novos foron para Ribeira e Porto do Son.

Os mariñeiros aproveitaban, e aproveitan, unha pequena cala para protexeren as embarcacións

28 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Queiruga sempre foi unha parroquia moi vinculada ao mar. No lugar de Nadelas os mariñeiros aproveitaban, e aínda aproveitan, unha pequena cala como porto natural onde protexeren as súas embarcacións. Durante os temporais do inverno e mesmo cando as circunstancias así o aconsellaban, adoitaban subilas e retiralas a un lugar seguro.

Estas embarcacións menores (gamelas, chalanas e botes) foron moi sinxelas e se empregaban como auxiliares doutras de maior eslora.

Os mariñeiros de Porto do Son denominaban gamelas as pequenas embarcacións de proa triangular, popa rectangular e fondo chan. Ao longo dos anos contabilizáronse 20 gamelas ancoradas en Nadelas.

Pola súa banda, as chalanas levan chan tanto a proa como a popa. Os armadores de Queiruga chegaron a encargarlles 9 delas aos carpinteiros da bisbarra. Finalmente, ata o ano 1948, tan só se matriculou un bote pequeno. Esta fráxil embarcación navegaba a remos ou a vela. Os barcos de Queiruga estiveron matriculadas en Noia e Ribeira.

A primeira gamela de Queiruga, de nome Victoria, foi construída por Juan Santos Rodríguez en 1926 e custou 100 pesetas. A última, de nome Cándida, custou 150 pesetas e botouse ao mar en 1944. A primeira chalana de Queiruga, de nome Carmen, foi construída en 1920 polo mestre carpinteiro Manuel Pérez Queiruga e custou 60 pesetas. A última, chamada Verla, custou 300 pesetas. O único bote armado en Queiruga foi Fina, construído por Juan Ageitos Santos en 1948. As súas dimensións foron: 4 metros de eslora, 1,50 metros de manga e 0,50 de puntal.

Excepcionalmente, determinados armadores de Queiruga podían solicitar a compra destas embarcacións a algún dos membros dalgunhas familias de carpinteiros de ribeira, como os Abal Chouza, a familia de José Tomé, e os seus fillos, netos e bisnetos, Manuel Santos Santiago e os seus fillos ou os irmáns de Dios Romay.

Durante bastantes anos os mariñeiros desta parroquia foron construíndo unhas edificacións onde gardaban os útiles de pesca, redes, nasas, palangres, roupas de auga, motores etc.

Demolición de casetas

Na actualidade, o contorno de Porto Nadelas recuperou gran parte da súa beleza paisaxística coa demolición daquelas casetas. O enclave complétase cun castro situado a carón do mar. Nel atopouse un cuncheiro e fragmentos de cerámica, sendo espoliado sen ningún control. Noutra banda, unha furna enreixada garda unha imaxe da Virxe. Xusto por riba dela, no alto das rochas, hai unha cruz de pedra desde 1963, realizada por Manuel Olveira Martínez, mestre canteiro de Caamaño.

A partir da segunda metade do século XX, as embarcacións gañaron eslora e instaláronselles motores. Os mariñeiros precisaban resgardar estes barcos nun porto seguro. Pouco a pouco Porto Nadelas foi perdendo actividade e os barcos de nova construción quedan amarrados nos molles de Ribeira e Porto do Son.

Militar e político noiés

PASTOR RODRÍGUEZ

Poucos son os repertorios bibliográficos que inclúan o nome de Armero Millares, agás Couceiro Freijomil, e aínda así este contén poucos datos biográficos. Luís Armero Millares naceu en Noia en 1794 e en 1809 ingresou como cadete no Rexemento Provincial de Compostela. Os Armero tiñan a súa procedencia en Valdivieso, Burgos, e logo chegaron á Rioxa e a Galicia; probaron fidalguía en varias ocasións na chancelaría de Valladolid.

Ensinou matemáticas no Colexio Militar de Lugo xa en 1811 e logo no de Compostela. En 1843 era mariscal de campo e en 1884 inspector de carabineiros, ascendendo logo a tenente xeneral. Foi tamén deputado por Pontevedra en 1840 e pola Coruña entre 1843 e 1846, sendo senador vitalicio dende 1846.

Luís Armero foi comisario do Banco de San Fernando, ministro plenipotenciario no Reino de Prusia e conselleiro Supremo de Guerra. Condecorado coa Gran Cruz de Santo Hermenexildo, coa Gran Cruz de Isabel a Católica e coa Cruz da Orde de San Fernando.

En 1840, na imprenta de Miguel de Burgos, editou en Madrid o seu discurso Voto particular sobre la dotación del Culto y Clero y discurso en sustentación del mismo voto en el Congreso de los Diputados en la sesión del 10 de junio de 1840.

Morreu na capital de España o 1 de febreiro de 1853.

Rúa, por terra e por mar

Margot Fernández

O vocábulo rúa alude comunmente a un camiño ou demarcación dentro dun núcleo habitado. Porén, atopamos a orixe de rúa no substantivo latino ruga: «engurra, pregamento». Os desprazamentos semánticos interpretan o termo como unha raia alongada ou, posteriormente, como unha forma de división local, nomeadamente no casco urbano.

A evolución fonética cínguese á desaparición da consoante oclusiva en posición intervocálica (obsérvese tamén no portugués rua e no francés rue).

A palabra perdura mesmo nalgunhas cidades españolas como reliquia do castelán antigo, do que foi practicamente excluída en favor de calle, procedente do latín callis.

Para explicarmos o topónimo Rúa, illa enclavada na ría da Arousa, debemos acudir ao devandito étimo.

A illa de Rúa describe unha franxa lineal da que emerxen protuberancias rochosas pouco elevadas, pero ben visíbeis para orientarnos dende o mar, dende a terra.

A Lectora: Andrea Piñeiro Gil Alumna da Facultade de Turismo da UDC

1. O seu mellor momento para a lectura. Despois de cear e na praia mentres escoito o mar.

2. Criterios que segue para a escolla dun libro. Recomendacións dos amigos e suxestións nas redes sociais.

3. Que lle achega a lectura? Faime sentir ben. Escapar da rutina e vivir outras vidas. Tamén a entenderme mellor a min mesma.

4. Os seus libros favoritos. Alas de sangre, de Rebecca Yarros, e La casa en el mar más azul, de TJ Klun.

5. Un xénero literario. A fantasía.

6. Un personaxe e un espazo literario. Violeta Sorregail e a illa de Marsyas, de La casa en el mar más azul.

7. Qué estás a ler agora? Una corte de rosas y espinas, de Sarah J. Maas.

8. Un autor en galego e outro noutra lingua. Brandon Sanderson e Ledicia Costas.

9. Que actividades, amais da lectura, ocupan o seu lecer? Viaxar e coñecer sitios novos cos meus amigos.

10. Unha paisaxe no Barbanza digna de libro. Os castros de Baroña.