Balbino González: «Necesitamos un solo industrial que atraia ás empresas e sirva para paliar a perda demográfica que sofre o Son»

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

PORTO DO SON

CEDIDA

O candidato nacionalista á alcaldía de Porto do Son pensa que o papel do Concello debe ser escoitar aos veciños

13 may 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

Bandeiras e carteis electorais ocupan estes días as rúas barbancesas para dar a coñecer aos candidatos que compiten pola alcaldía dos diferentes concellos da comarca. Pero por enriba da propaganda están as propostas das formacións, que apostan por unha liña continuísta ou por unha máis transgresora dependendo do papel que lles tocase desempeñar ao longo da lexislatura.

Con tres edís no Concello de Porto do Son, o candidato do BNG, Balbino González, pensa que «é o momento de pechar un ciclo».

O elemento central do seu plan de goberno é dar voz aos veciños, facer as obras que sexan pertinentes na localidade tendo en conta as necesidades da cidadanía e as súas peticións. «Unha das cousas que falla con esta corporación é a comunicación coa xente», manifesta González.

Por iso, o nacionalista propón a creación dunha concellería específica para montes: «Co soldo co que teríamos un secretario para o alcalde preferimos ter a un concelleiro cuxo rol fundamental sexa estar en contacto coas comunidades de montes, que son axentes moi importantes nas parroquias».

Avance económico

Como proxecto fundamental para a lexislatura, Balbino González incide na importancia de contar con terreos nos que se poidan desenvolver actividades económicas máis grandes: «Necesitamos un solo industrial que atraia ás empresas e sirva para paliar a perda demográfica que sofre o Son».

O candidato non esquece a difícil situación pola que pasan os pequenos comercios da zona, que ven como van desaparecendo clientes aos poucos. Segundo o portavoz nacionalista «queremos potenciar axudas a autónomos e pequenos emprendedores, así como facer campañas para que a xente compre aquí».

Do mesmo xeito, o nacionalista asegura que a corporación local debe loitar pola seguridade da ría Muros-Noia e manter os 7.500 postos de traballo, sumando directos e indirectos, que proporciona á vila sonense.