Historia, música e teatro para honrar a Francisco Lorenzo Mariño

PORTO DO SON

cedida

A semana cultural de Aguiño comezará cunha charla de Daniel Bravo Cores

16 ene 2023 . Actualizado a las 16:20 h.

A parroquia de Aguiño volve a renderlle homenaxe a Francisco Lorenzo Mariño cunha serie de actividades culturais que se desenvolverán entre o venres e o domingo. Será no marco da décimo terceira edición da semana cultural que leva o nome do párroco falecido.

O historiador e escritor Daniel Bravo Cores será o encargado de abrir as xornadas, cunha conferencia que impartirá o venres, ás 20.30 horas, no conservatorio da localidade. Fará un percorrido pola historia de Aguiño. A continuación ofrecerá un pequeno concerto a Orquestra Nova Sons, composta por unha vintena de músicos que forman parte da canteira de Sons do Mar de Aguiño.

O sábado, os membros da asociación Francisco Lorenzo Mariño trasladaranse ao cemiterio de Porto do Son onde, ás 17.00 horas, levarán a cabo unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto diante da tumba na que descansan os restos do sacerdote finado o 16 de xaneiro do 2004. Un grupo de gaitas poñerá a nota musical. Dúas horas despois oficiarase unha misa de aniversario na igrexa parroquial de Aguiño.

A xornada culminará cun espectáculo teatral. Será a compañía Charamela de Melide a que se suba ás táboas do conservatorio para entreter ao público con Adulterio decente, unha comedia dirixida por Mari Carmen Neira.

As propostas desta edición da Semana Cultura Francisco Lorenzo Mariño chegarán ao seu fin o domingo, cunha actividade dirixida ao público infantil. Os máis cativos da parroquia terán ocasión de gozar do concerto que ofrecerá Brais das Hortas. O artista chegará a Aguiño co espectáculo Consertasso na horta. A cita está fixada para as 18.00 horas, no conservatorio.

O cartel de actividades foi presentado pola presidenta da entidade, Elvira Pisos, e o directivo Unai González, que animaron a todos os ribeirenses a sumarse a esta nova homenaxe ao párroco.