Anxo Queiruga, presidente de Cogami: «As peores barreiras son as sociais»

PORTO DO SON

PACO RODRÍGUEZ

Queiruga é unha persoa comprometida que goza, di, dun día ao carón do mar cando dispón de algo de tempo

06 dic 2022 . Actualizado a las 16:16 h.

Leva toda a vida traballando no movemento asociativo e defendendo a igualdade. A das persoas con discapacidade. Anxo Queiruga (Porto do Son, 1972) aténdeme dende un aeroporto nun dos poucos intres que ten libres.

—Móvese moito. Onde vive?

—Entre Santiago e Madrid. Paso días en Galicia e dúas ou tres semanas ao mes en Madrid. En Madrid ou onde toque, depende da semana. O punto de durmir, como digo eu, téñoo en Madrid ou Santiago.

—É dos que, ao espertar, teñen que pensar onde están.

—Si, si. Sobre todo se non vou nun par de semanas á casa. A verdade é que as semanas se fan largas. Pero, como digo eu, non é obrigado. Vai no cargo.

—Porque vostede dirixe Cogami, pero tamén a asociación nacional.

—Si, dende hai seis anos. Loitamos por que as persoas con discapacidade teñamos unha igualdade real. E sobre todo que os nenos teñan atención temperá, que, se non, para as familias é un problemón. E facemos especial fincapé sempre no medio rural, onde hai máis dificultades, menos servizos... E tamén para mellorar a situación das mulleres, as nenas...

—Íalle preguntar polos principais problemas do colectivo, pero xa vexo que non fai falta.

—O principal problema está no enfoque. A discapacidade non é un tema de servizos sociais nin de sanidade, é un tema transversal. Aos políticos gústalles moito a palabra, pero logo non a aplican tanto. A educación é moi importante, porque vai ser a súa ferramenta de futuro.

—Igual hai poucos políticos que pasaran polo trago.

—Algún hai, pero non hai moitos. E tamén se dá o caso de persoas que están no movemento asociativo e cando chegan a cargos de responsabilidade non son os que máis baten o cobre para desenvolver políticas de apoio ás persoas con discapacidade. As barreiras arquitectónicas son as que se ven, pero eu sempre digo que as peores barreiras son as sociais. Á xente hai que educala.

—Avanzaron moito.

—É indubidable. Pero que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade... é tremendo. Avanzamos? Si. Tanto como pensamos? Non. Este tema tería que estar asumido e interiorizado por todo o mundo. E aínda hoxe seguen a facerse cousas mal.

—Hai territorios máis preparados ca outros?

—Non son todos iguais. Por exemplo, hai territorios que apostan por unha educación especial e en Galicia apostamos por unha educación inclusiva. Outra cousa é que teñan todos os apoios que necesitan. E paréceme moi importante. Territorios que non teñen problemas cos financiamentos son o País Vasco e Navarra.

—É máis fácil hoxe que un discapacitado atope emprego?

—Si. Pero as cifras de paro son aínda inaceptables.

—É verdade que en Galicia hai máis discapacitados ca no resto de España?

—Si. Sae o dato de que en Galicia somos case 250.000 persoas con discapacidade. Eu creo que unha parte importante foi que fomos un territorio con moitos accidentes de tráfico e despois tamén que algunhas discapacidades orgánicas prevalecen máis en Galicia, como é o caso da hemofilia. O 10 % da poboación galega ten algunha discapacidade e temos que pensar que non podemos prescindir do 10 % do censo.

—Este é un problema que se ve cando che toca de preto.

—Efectivamente. Por iso queremos visibilidade, porque a maioría da sociedade vive de costas a nós. Temos que remover esas conciencias.

Pilar Canicoba

—Cantos anos leva no movemento asociativo?

—Levei o accidente no 1982, atropeloume un coche. E no 83 comecei a estar en Ámbar, que é a asociación de apoio do Barbanza. Xa facíamos campañas de sensibilización, actividades... Aí empecei. A Cogami cheguei á morte de Manuel Parada, que era o presidente do Ámbar. Domingos Dosil díxome no enterro de Manuel que me tiña que involucrar máis. Cando rematei de estudar Administración, empecei en Cogami. Aos dous anos fun con Domingo de vicepresidente. Tiña 20 anos.

—Así que leva toda a vida nisto.

—Pois si. Comecei na administración, logo estiven en proxectos europeos e tamén como responsable de formación e emprego. Iso levoume a patear todos os concellos de Galicia.

—Celta ou Dépor?

—Son galego, son dos dous. Ten que haber rivalidade, pero a convivencia ten que estar por encima de todo.

—Que lle gusta facer co tempo que ten só para vostede?

—Estar coa miña familia, coa miña muller, miña filla, miña nai, meu irmán. E ir cara ás Furnas, facer ese paseo dende o río Sieira ata a lagoa de San Pedro, pasar o día a carón do mar.

—Se mañá o elixiran presidente do Goberno, cal sería o primeiro decreto que firmaría?

—Algo para que as persoas con discapacidade e outros colectivos estean normalizados. Gustaríame que o día de mañá Cogami non fose necesario, que fose unha entidade de ocio.

—Defínase en poucas palabras.

—Son unha persoa comprometida co que fago, honrada, e considérome amigo dos meus amigos.

—Gústalle a cociña?

—Gústame comer e gústame a cociña tradicional. Non son nada sibarita.

—Dígame algo que lle resulte repugnante.

—Non soporto os abusos.

—Unha canción.

Y nos dieron las diez, de Joaquín Sabina.

—O máis importante na vida?

—Ser boa persoa. Ante iso non hai nada.