Alberte Pagán lanza o seu relato do confinamento, «Jalundes»

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

A presentación tivo lugar en Porto do Son e abriu o novo curso de Barbanza

02 oct 2022 . Actualizado a las 17:11 h.

Jalundes, palabra que o autor converteu en sinónimo de noutro lugar, é o título do último libro publicado por Alberte Pagán, un volume que foi presentado no marco do acto mensual de Barbantia, que comezou en Porto do Son un novo curso tralo parón estival. A obra xurdiu no confinamento, encerro que ao escritor o colleu en Katmandú, pero está inspirada tamén no deserto no que se converteron outras grandes cidades como París e Madrid por mor da pandemia. Todo mesturado con imaxes de Galicia, da infancia, da familia e da opresión capitalista.

Foi Xoán Pastor Rodríguez o que, en nome de Barbantia, presentou ao polifacético convidado, pois ademais de escritor, Alberte Pagán é tradutor e cineasta. De feito, o acto comezou coa estrea de Elefante, unha produción audiovisual sobre o nazismo en Ucrania que foi cualificada como a curtametraxe máis curta da historia.

O autor, que asumiu tamén o proceso editorial, mencionou o «aire apocalíptico» do libro, que comparou cunha enciclopedia de sete capítulos, 224 fragmentos e 64 notas. Sobre estas últimas, unha influencia de Julio Cortázar, dixo que «son necesarias para ver a dicotomía entre o que vemos e o que realmente é».

Alberte Pagán enumerou algunhas das características que fan de Jalundes un libro singular, como o emprego do galego reintegracionista, «a lingua máis científica, xa que o galego careceu séculos de escrita»; e dunha puntuación que escapa ao convencional: «Trátase de forzar a lingua como Joyce». Finalizou a intervención lendo un fragmento da obra e recomendado unha lectura, Regreso a Reims, libro no que se contan lembranzas persoais e desde elas se fai socioloxía.

No acto estivo presente o concelleiro de Cultura, Juan Pouso, e a música correu a cargo da banda Suevia.