Nebra non esquece aos seus mártires

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZRIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

Marcos Creo

A ponte de Cans acolleu as homenaxes en memoria dos veciños asasinados en 1916 por negarse a pagar un tributo abusivo

13 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os veciños de Porto do Son manteñen viva a lembranza aos mártires de Nebra, catro mulleres labregas e un home asasinados o 12 de outubro de 1916 por negarse a pagar un tributo abusivo e que deixou outros moitos feridos. A ponte de Cans acolleu onte as tradicionais homenaxes: a impulsada hai máis de dúas décadas por Paco do Martelo, da que tras o seu falecemento recolleu a testemuña o seu fillo, e a que leva a cabo o BNG.

O acto nacionalista foi presentado por Santi Suárez e interviñeron a edila Patricia Torrado e o deputado Luís Bará. Os nacionalistas apelaron á rebeldía que inspirou a revolta de Nebra para defender unha Galicia con futuro.

Bará, experto e divulgador dada memoria histórica, subliñou que no 1916, cando aconteceron os feitos, foi un ano de «nacemento do nacionalismo galego, coa aparición das Irmandades de Fala, que deu paso a dúas décadas prodixiosas pilotadas por unha xeración irrepetible».

Rachar coa imaxe

Pola súa banda, Patricia Torrado citou os nomes dos que morreron por defender aos seus fronte aos abusos e afirmou que se non hai xustiza ten que haber loita. Tamén puxo en valor o papel das mulleres, que defendían o pan dos seus fillos e o produto dunhas terras que nin sequera tiñan en propiedade.

Diante do monólito que recorda aos mártires fixeron una ofrenda floral, nun acto ao que acudiron representantes do BNG como a parlamentaria autonómica da Pobra Rosana Pérez ou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Posteriormente tivo lugar o segundo acto de lembranza, no que tamén colocaron flores o fillo de Paco do Martelo, José Antonio Calo, e a súa viúva, Teresa Pouso, en recordo dos mártires.