Os campamentos de verán volven a Espiñeira e Porto do Son cunha nova edición de «O galego campa!»

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

DAVID COSTAS

As actividades desenvolveranse ata o próximo día 14

03 ago 2021 . Actualizado a las 20:19 h.

O campamento xuvenil de Espiñeira, en Boiro, foi o lugar escollido para a presentación dunha nova edición das estadías estivais para mozos tralo parón do ano pasado motivado pola pandemia de covid-19. As actividades chegarán nesta ocasión a 872 mozos, entre participantes e monitores, que se repartirán por 13 instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Política Social, entre eles as de Boiro e o campamento do Loreto, en Porto do Son. Desta volta, desenvolveranse actividades vinculadas a unha nova edición do programa de dinamización lingüística O galego campa!

Con esta iniciativa búscase incidir na expresión persoal e na educación emocional da mocidade trala complexa situación provocada pola pandemia. Disto deron conta o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

Valentín García abriu as intervencións explicando as motivacións desta novena edición de O galego campa!: «Este ano é sensible á complicada situación emocional que as restricións á mobilidade, á relación e á proximidade social derivadas da actual situación sanitaria xeraron entre a mocidade». A un tempo, afondou o representante da Consellería de Cultura, que se cumpre «un dos compromisos da Xunta de dinamizar o uso do galego na xuventude e ofrecer espazos e ámbitos de uso de interese para a xente nova».

Pola súa banda, Cristina Pichel puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades para fomentar o ocio saudable e seguro entre a mocidade durante a tempada estival, así como favorecer o uso do galego no ámbito do lecer. Engadiu que este tipo de propostas, xunto con outros programas impulsados pola Administración autonómica neste verán, son «máis necesarios que nunca para que a mocidade teña espazos seguros para poder gozar e, ao mesmo tempo, seguir formándose».

As actividades do programa desenvolveranse nunha ducia de campamentos xuvenís das catro provincias galegas ata o vindeiro 14 de agosto.