O Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro toma forma cun consello asesor

L. Ríos / A. L. RIBEIRA/ LA VOZ

PORTO DO SON

O Concello de Dodro acaba de incorporarse ao proxecto

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:10 h.

Os membros do consello de dirección do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro aprobaron, na súa primeira reunión, a constitución dun órgano asesor que marcará os pasos a seguir na materialización deste proxecto, ao que acaba de incorporarse o Concello de Dodro, que se unirá aos de Porto do Son, Rianxo, Boiro, A Pobra y Ribeira. Os representantes destas Administracións, xunto cos da Deputación da Coruña -que colabora na iniciativa- tamén procederon a confirmar os castros que quedan incluídos no proxecto final, así como a creación dunha páxina web e dunha imaxe corporativa propias como primeiras medidas para a promoción e dinamización deste espazo.

Entre os acordos acadados nesta sesión tamén figura un plan director que fará ás veces de folla de ruta na execución desta iniciativa. Os castros aceptados como parte deste parque arqueolóxico son: o das Cercas de Isorna en Rianxo, o da Croa de Posmarcos en A Pobra, o de Achadizo e os de Neixón en Boiro, o de Baroña en Porto do Son e o da Cidade en Ribeira.

Recursos históricos

Os asistente á xuntanza de onte sinalaron que esta clase de proxectos supoñen unha forte aposta pola posta en valor dos recursos históricos e arqueolóxicos da zona do Barbanza e polo turismo sostible e de calidade. Ademais, tamén indicaron que a iniciativa vaise desenvolver grazas á participación de diferentes entidades procedentes dos ámbitos turístico, da arqueoloxía e da investigación e divulgación científicas.