Balbino González: «Vemos que as zonas verdes de Porto do Son diminúen e iso é preocupante»

La Voz

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

O problema coa subministración de agua na zona sur do municipio é outra das preocupacións dos nacionalistas

02 jun 2021 . Actualizado a las 11:38 h.

Balbino González considérase unha persoa dialogante e recoñece que o trato persoal co equipo de goberno é cordial e poden sentar xuntos para dialogar. Aínda así, cre que moitas veces o PP peca de ter posturas intransixentes.

 -Como é a relación co goberno sonense nesta nova etapa?

-Cústanos chegar a acordos co PP porque son intransixentes, poden selo porque teñen maioría absoluta, pero ás veces vén ben ter outros puntos de vista. Un exemplo desa intransixencia vímolo co hórreo, despois de prometer en vídeo durante a campaña que non se ía mover pola obra da fachada marítima, cambiárono de sitio a pesar da oposición veciñal.

-Que cuestións lles preocupan?

-Vemos que as zonas verdes de Porto do Son diminúen e iso é preocupante, todo é pedra e cemento. Outro problema é o da captación de auga, en parroquias como Xuño, San Pedro e Caamaño non lles chega e o acordo con Ribeira para que capten do río de Ribasieira é pésimo.

-Como cualificaría o traballo que están facendo na corporación?

-Facemos unha oposición seria e traballamos para ter un concello mellor. Pero as nosas mocións case sempre son rexeitadas, o PP nunca parece disposto a aprobar as propostas do BNG. Nunca contan con nós á hora aprobar o POS ou modificacións de crédito, e non foron capaces de cumprir co compromiso de gravar as sesións plenarias.