Jorge Romero: «Botamos en falta que o goberno estea máis ao pé dos veciños, das persoas»

La Voz

PORTO DO SON

cedida

O socialista defende que están a facer un traballo de oposición construtivo

02 jun 2021 . Actualizado a las 11:39 h.

A corporación de Porto do Son é unha das que máis mudou nas últimas eleccións, comezando polo grupo socialista, que se renovou por completo. Jorge Romero asegura estar cómodo no papel que están a desenvolver na oposición.

 -Cal é a súa valoración destes dous primeiros anos?

-A nivel persoal está a ser unha época de aprendizaxe moi boa e moi interesante, cada vez síntome máis cómodo e mirando máis pola xente. Hai boa sintonía con todos os grupos, que era o que a máis nos interesaba, que todos foramos na mesma dirección, mirando polo ben do pobo.

-Quedou atrás definitivamente a crispación nos debates?

-Deixouse atrás a política de enfrontamento para remar todos xuntos. Obviamente somos oposición e a crítica está aí, pero se algo está ben para os veciños está ben, e se hai algo que se poida mellorar estamos para facer achegas. No último pleno vimos de aprobar a exención o pago da taxa das terrazas da hostalería, unha proposta que partiu de nós. Sabemos o lugar que ocupamos, somos oposición, pero queremos ser unha oposición construtiva.

-E no apartado da crítica, que botaron en falta nesta metade do mandato?

-Botamos en falta que o goberno estea máis ao pé dos veciños, das persoas, e non tan centrado en obras que deixan de lado as aldeas. Outra cousa do que peca este executivo é de facer obras, pero logo esquecerse de manter o que hai.