Das que mudan o mundo, coma Ánxela

Patricia Torrado IN MEMORIAM

PORTO DO SON

02 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai utopías que atopan corporeidade e, por estraño que semelle, ate as políticas. Como foi o seu caso. Ninguén que coñecese a Ánxela Franco Pouso en calquera das facetas da súa vida podería negar que foi unha muller brava, das que defendía a xustiza con unllas e dentes, das que buscaba que cada acción administrativa, se da súa persoa dependía, fose beneficiosa para o conxunto da veciñanza; pois para ela, se había vontade política, non había imposibles. Porque sabía que a meta era alta, que o territorio das inxustizas é basto, pero o propio camiño, o empeño, a loita, a solidariedade e a irmandade entre os pobos sempre logran grandes conquistas para o noso día a día, para o benestar dunha sociedade magoada durante xa demasiados anos.

Dende sempre levou tatuada na ollada a xenerosidade, no sorriso a defensa do seu pobo, da súa xente, de Galiza, dende a casa consistorial e dende a Deputación. Batalladora e honesta, sincera e expansiva tiña o tino suficiente para relacionarse co poder poñendo a cada quen no seu sitio sen que lle tremese o pulso, afeando os comportamentos de quen se cría superior aos demais por calquera causa. E a sensibilidade suficiente como para facer sentir importante a quen creu nacer nas marxes da sociedade. Se hai algo no que todas as persoas que a coñeceron concordarían é en que non deixou a ninguén indiferente.

En certa oportunidade, dende o lado escuro -por dicilo dalgún xeito-, propuxéronlle trocar de ideais, porque a súa valía, tesón e carisma ben valían unha alcaldía perpetua, mais a súa integridade, franqueza e orgullo de nación non lle permitían semellante aberración. Nunca foi quen de deturpar ou traizoar todo no que cría, pois a semente dunha defensa honesta dos dereitos propios e alleos ten que ter o substrato incorruptible da verdade, e da fidelidade con unha mesma. Lonxe de granxearlle isto animadversións ou inimizades consolidouna como unha muller admirable a ollos de xente do nacionalismo e de outras tendencias políticas, porque por riba de todo están as persoas.

Hai xa dous anos que nos falta e o baleiro que deixou dificilmente poderá nunca encherse, porque como quedou patente o día do seu enterro, as primaveras do mundo fican dende entón arrasadas. Deixou Ánxela unha cicatriz tan fermosa e tan profunda en nós que o único que podemos e debemos facer é honrala, por quen foi, polo que fixo e por esa afouteza inspiradora. Porque aínda que ela non estea fica perenne o seu exemplo.