Elena María Calo: «A verdadeira integración trabállase coa adhesión intercultural»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

PORTO DO SON

Miguel Souto

A aprendizaxe dos idiomas e a inserción laboral son algunhas demandas que canaliza

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É. Educadora Social. Traballa no campo da inclusión e integración social.

Traballou. Nunha residencia xeriátrica durante trece anos, programando actividades de tempo libre. Exerceu tamén como responsable de animación sociocultural na área de Cultura do Concello de Noia.

Malia a que a súa actividade laboral estivo vencellada ata hai pouco tempo ao terreo da animación sociocultural, a educadora social Elena María Calo Pouso (Porto do Son, A Coruña) está na actualidade no Servizo de Atención ás Migracións (SAMI) do Concello de Lalín; en calidade de Integradora Social.

-Que é a área de Integración Social?

-A área de Integración Social do Servizo de Atención ás Migracións é a que se ocupa de apoiar de forma directa a integración da poboación de inmigrantes a través da información, mediación e asesoramento no terreo social, laboral e en actividades de participación comunitaria. As intervencións que facemos son case sempre presenciais, aínda que tamén as realizamos por vía telefónica segundo as necesidades que nos prantexan os usuarios.

-Cal é o volume actual de inmigrantes no municipio?

-En Lalín, por nacionalidade, os arxelinos son os que ocupan o maior volume no censo de estranxeiros. O segundo posto correspóndelle ás persoas do país veciño: os portugueses, e logo temos rumanos e marroquís. É importante destacar o aumento que se está contabilizando de persoas procedentes de sudamérica: países como Venezuela, Brasil e Colombia. En concreto os venezolanos manifestan literalmente que «escapan» do seu país pola situación política e pola falta de acceso a recursos básicos e necesarios como son os medicamentos.

-Que rol protagonizades?

-O noso rol é máis que de profesionais do social; de persoal de apoio e acompañamento en todo tipo de trámites, dúbidas que van prantexando os inmigrantes e axudar en todas as inquietudes que teñen os usuarios.

-As inquietudes dos inmigrantes, independentemente do seu país de orixe, son as mesmas?

-En termos xerais todos e todas buscan un emprego ou mellorar a súa situación económica e laboral. Nese sentido traballamos moito dende o Servizo de Atención ás Migracións, dende a óptica da orientación e o axuste de expectativas xa que en moitos casos nos atopamos que descoñecen cal é a realidade social e laboral na nosa comunidade. Insistimos moito na aprendizaxe do idioma como paso previo a calquera outra actuación.

-Existe unha relación armoniosa entre inmigrante e lalinense ou pálpase certo rexeitamento?

-No eido da convivencia non apreciamos sinais de discrimación xeneralizada. O que sí hai é un illamento condicionado pola barreira idiomática. Si ben é certo que unha minoría sente rexeitamento, xenefobia ou racismo. Persoalmente entendo que a verdadeira integración trabállase coa adhesión intercultural, é dicir; nas relacións positivas coas diferentes culturas e traballando dende actividades de participación inclusiva e non segregatoria ou asistencialista.

-Como é esa atención aos usuarios?

-Para nós a atención especializada non pode ser unidireccional, dirixida únicamente á poboación inmigrante. A nosa tarefa exténdese ao conxunto da poboación promovendo campañas de sensibilización e accións inclusivas. Deste xeito evitamos a formación de guetos e posibles conflitos sociais. Este aspecto trabállase a longo prazo e nese camiño estamos orientadas, tanto a compañeira que é traballadora social coma eu.

-Cales son as demandas que canalizan con maior frecuencia no departamento?

-En xeral as demandas que máis nos veñen achegando os usuarios, tanto á área de inclusión coma a área de integración, teñen que ver con cuestións relacionadas coa orientación laboral e a solicitude de cursos de formación.

«Estamos con cursos de alfabetización e logo haberá módulos de orientación prelaboral»

Elena Calo posúe unha ampla experiencia no campo da animación sociocultural e na dinamización comunitaria que lle serve para un mellor achegamento ás necesidades dos inmigrantes, usuarios do servizo.

-Que tipo de programas se están levando a cabo?

-Na actualidade, de a área de integración social, estamos levando a cabo un ciclo de charlas de educación intercultural. Levamos a información aos colexios do municipio, e vai dirixida aos alumnos e alumnas de Primaria e de ESO. Está previsto, por outra parte, poñer en marcha módulos de orientación prelaboral.

-A que atenden exactamente ditos módulos?

-Están pensados para dar resposta ás necesidades detectadas e á orientación no terreo laboral; con liñas centradas nas habilidades sociais, abordar a entrevista de traballo cos usuarios, o currículo, e tamén o uso das ferramentas das tecnoloxías da información na búsqueda de emprego.

-Teñen cursos de alfabetización en marcha.

-Son cursos que puxo en marcha a miña compañeira Lorena Lamas, traballadora social do Servizo de Atención ás Migracións. Ela tamén se encargou de xestionar unhas axudas para a obtención do permiso de conducir. É un traballo en equipo co que pretendemos atender o conxunto de necesidades detectadas e manifestadas polos usuarios que acoden ao servizo.

-Logran os inmigrantes integrarse socialmente?

-As persoas que logran acceder a un posto de traballo teñen moito gañado no terreo da integración, pero non podemos esquecer outros terreos coma o escolar, en actividades de ocio e tempo libre que son dereitos fundamentais recollidos na Constitución e imprecindibles para estar verdadeiramente integrados.