Unha travesía didáctica por un mundo de movemento perpetuo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

O arqueólogo e antropólogo Francisco Calo falou no acto de Barbantia do seu libro «Vida e traballo no mar dos galegos» e lembrou a súa infancia mariñeira en Porto do Son

28 mar 2021 . Actualizado a las 11:20 h.

Xunto «a miña tribo», como lle gusta referirse aos veciños do seu Porto do Son natal, o arqueólogo e antropólogo Francisco Calo tomou a frase de Rilke «a verdadeira patria do home é a infancia» para lembrar a súa nenez mariñeira nun municipio sonense que está presente na meirande parte dos máis de 200 traballos científicos que leva publicado. Esta lembranza dun coñecemento da pesca adquirido da súa familia e da propia experiencia entroncaba directamente co libro do que viña falar, da man da Asociación Cultural Barbantia: Vida e traballo no mar dos galegos. Trátase, como expuxo na presentación o coordinador da entidade, Pastor Rodríguez, dun manual claro e didáctico no que «o rigor científico non está berrado coa divulgación».

A obra é unha travesía que, indicou Pastor Rodríguez, comeza situando ao lector no marco xeográfico, hidrolóxico e xeolóxico para facer despois un percorrido histórico, dende o inicio dos portos de mar no século XII ata o XIX, pero sen esquecer os cambios profundos que acontecen posteriormente. O coordinador subliñou a importancia dos traballos do profesor Calo sobre o mundo marítimo galego: «Foi pioneiro en 1978 co seu libro sobre os mariñeiros de Porto do Son, e que continuou en 1980 co traballo As artes de pesca».

A parte de referirse á súa extensa obra, a vogal de Barbantia, a tamén sonense Pilar Sampedro, falou da importancia da figura de Francisco Calo para a cultura do municipio indicando que foi o director de escavacións no castro de Baroña.

Esta nova publicación está editada polo Museo do Pobo Galego, institución á que pertence o catedrático de Xeografía e Historia dende a súa fundación e que será a beneficiaria dos dereitos da obra. Precisamente, hai catro décadas, co seu libro As artes de pesca, o Museo do Pobo Galego iniciou a súa colección de cadernos e esta pertence á de manuais.

Unha teoría propia

Feitas as presentacións, nun acto que comezou cunha intervención ao piano de Leticia Recamán, da Escola de Música de Porto do Son, que tocou La Comparsa, chegou o momento no que Francisco Calo esbozou as particularidades do seu libro.

Ademais de contextualizar a actividade do mar, do percorrido histórico e de aportar datos sobre artes de pesca, o autor reflexiona no volume sobre as razóns polas que o home de mar é diferente ao de terra. Partindo do feito de que «os que somos mariñeiros é porque non tiñamos terras», o profesor afirmou ter unha teoría propia.

Explica Francisco Calo que «o home pasa de vivir en terra firme a facelo nun medio de movemento perpetuo. O mar, as embarcacións, as presas que buscan, os aparellos; no mundo do mar todo ten vida propia. Non son eu o que pesca co trebello, é o trebello o que pesca». En contraposición, indicou o autor, «no mundo labrego só hai un trebello con vida propia, o carro».

Afirma o profesor que esta realidade muda a mentalidade da xente: «O mariñeiro nunca ten a certeza de que o barco non vaia para o fondo con el». Este movemento constante e a incerteza dunha saída que pode non ter retorno, asegurou Calo, modula o carácter ata o punto de que afirmou que «un mariñeiro de Galicia parécese máis a un mariñeiro de Calabria que a un labrego dos Ancares».

Sobre a orixe desta nova publicación, Francisco Calo comentou que foi un encargo dunha editorial que quebrou, un feito que lle permitiu dispoñer da obra como desexase. O autor rematou a súa intervención expresando o seu agradecemento aos asistentes, a Barbantia e ao Concello de Porto do Son. Precisamente, en nome deste último interveu a tenente de alcalde, María Maneiro, para pechar un novo encontro da Asociación Cultural Barbantia.

O colofón

Se o inicio do encontro realizado na casa de cultura sonense foi musical, o colofón seguiu a mesma liña, e tamén da man de integrantes da Escola de Musica de Porto do Son, que puxeron de manifesto as súas aptitudes.

Deste xeito, Gael González e Lía Albán interpretaron a catro mans a peza Dog-gone blues de Jane Smisor Bastien.

Posteriormente, o autor firmou exemplares da súa obra ás persoas que reservaran as súas localidades para asistir.