David Gaciño: «Queremos que a xente volva a montar»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

O sonense aposta por salvar a tempada ecuestre nos meses de primavera e verán

08 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

David Gaciño (Porto do Son, 1976) non pode entenderse sen un cabalo ao seu costado. Este ecléctico barbancés, que chegou a competir en países tan diferentes como Dubái, Francia, Eslovaquia ou mesmo Colombia, afronta agora o que espera que sexa a recta final dunha pandemia que golpea con toda as súas forzas ao mundo ecuestre.

-Non foi un bo ano.

-Non, dende marzo do ano pasado. Todo isto me colleu en Colombia, facendo uns clínics para uns equipos que levaba. Foi xusto cando nos confinaron. As competicións e os proxectos deportivos, sobre todo en Sudamérica, desapareceron. Alí están bastante peor ca nós. As probas, con excepción de catro ou cinco, non se fixeron. Nós solo puidemos participar nunha o ano pasado en Portugal. Outras anuláronas, e a outras decidimos non ir.

-E a escola de hípica?

-Intentamos traballar cando nolo permiten. Agora estamos arrancando de novo. Hai moita xente con ganas de vir a montar. O que non esperábamos é que aínda por enriba xurdira un brote de rinoneumonía en cabalos. E ata abril imos ter que telos confinados. É unha enfermidade moi contaxiosa e xa houbo algún animal que faleceu. Iso parounos todas as competicións de marzo. Pero a pesar deste ano somos optimistas. Esperamos que a partir da primavera poidamos saír. Queremos que a xente volva a montar a cabalo.

-Do que parecía o 2020 ao que finalmente se converteu.

-Empecei con moitos proxectos, pero en marzo freáronse. Foi realmente malo porque non se puido facer absolutamente nada. Esperábamos que este ano fose mellor, pero non o está sendo. A nivel comarcal aínda se percibiu o covid máis preto. Non podemos planificar nada.

-¿E saír a fora?

-É totalmente complicado. Eu basicamente traballo en países suramericanos como Ecuador, Brasil e Colombia. E non están nunha boa situación. Por outro lado atópanse os países árabes, que están saíndo, pero non resulta fácil ir alá. O que si estamos tendo é unha gran resposta por parte da xente que acode á escola. Iso si, moita xente vén de Ribeira, Santiago, Noia... E os peches perimetrais afectaron moito.

-E os animais comen igual.

-O mantemento é o mesmo. Aquí temos 12 cabalos. Se non traballan, o consumo de comida é un pouco menor, pero sempre hai gasto. Non deixamos de adestrar. Temos un plan de mantemento para que estean ben. Este ano, como é Ano Santo, queríamos facer rutas ata Santiago. Pero por agora tampouco se pode. É así estamos. Aguantamos e somos positivos. A ver que pasa na temporada da primavera e verán.

-Hai que apostar polo turismo.

-Nos centros hípicos sempre hai unha parte educativa e outra turística. Tamén estamos moi metidos niso, non só na competición. Por exemplo, con saídas polo monte ou ao pobo. Temos diferentes paquetes de actividades e o certo é que estaban funcionando ben. Chegamos a ter catro empregados, pero neste momento eu solo chego.

-E que tal vai o curso no ciclo formativo en actividades deportivas no que participa?

-É unha pena esta situación, xa que estabamos facendo moitas saídas e eran un éxito. Rutas a cabalo, en bicicleta, viaxes ao Courel e ao Trevinca e todo iso tivemos que limitalo. Prexudica un pouco o desenrolo dos rapaces, pero tratamos de que aprendan todo o máximo posible.

-O que si hai que aproveitar é o potencial turístico do Son.

-Estou convencido, agora máis que nunca. A xente, despois de estar privada de liberdade, quere saír a fora, ao campo, ao medio natural. E niso, Porto do Son é privilexiado. Este fin de semana [polo pasado] as praias estaban cheas. Había moita xente en bicicleta. E creo que cando todo isto mellore Porto do Son pode ser un referente. E máis para desconectar de todo o que nos pasou.