«As posibilidades que ofrece o patrimonio marítimo son infinitas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

laura martelo

Trinta museos ligados ao mar conforman a Rede Rema e outros 40 aspiran a entrar

09 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Man de Camelle, a Fábrica de Sel de Muros, o Marea de Porto do Son, o Forno do Forte de Buño, a Torre de Hércules, o Acuario do Grove, a Aula do Mar de Rianxo... Estes e outros museos, un total de 31, forman parte da Rede Rema, unha organización pioneira que busca poñer en valor o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar do arco atlántico. A alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, preside o comité de xestión dunha iniciativa que aspira a ser motor turístico.

-Que motivou a posta en marcha da Rede Rema?

-Esta rede naceu como un proxecto de cooperación entre os grupos de acción costeira, pero co obxectivo de que perdure no tempo. Pretende dar un impulso á conservación e á difusión do patrimonio inmaterial ligado á cultura mariñeira atlántica, configurando novos contidos culturais que permitan explotar o atractivo común.

-Entre os proxectos a desenvolver este ano atópase o selo Remiña, que se presenta como a Compostela dos museos...

-Si, do que se trata é de promover unha especie de peregrinación polos museos da rede. Está previsto elaborar unha guía e deseñar un selo que sirva para acreditar o paso por cada espazo e, entre aqueles que visitan un número importante de salas, faranse sorteos.

-O que xa veñen de lanzar e un escape room, en que vai consistir?

-Esta é unha actividade dirixida aos estudantes, que ofrece realizar un recorrido virtual polos museos que conforman a rede para ir superando probas. Está concibido para espertar o interese dos máis novos por este patrimonio vinculado ao mar. Nestes momentos, e ata o día 28, está aberto o prazo de inscrición.

-Detectouse unha necesidade real de impulsar estes museos vinculados ao mar?

-Si, porque é un patrimonio moi rico e con moitas posibilidades ao que non se lle está sacando partido. Abarca aspectos que van máis alá destes espazos expositivos, como a etnografía, a industria que se desenvolveu ao redor da pesca e mesmo o léxico. É un tesouro no que Galicia destaca a nivel de Europa.

-Vese entón como un potencial a nivel turístico?

-Por suposto. O exemplo está en Muros e nas xornadas que, antes da irrupción do covid, viñamos facendo ao redor da cultura mariñeira, que se converteron nun dos principais focos de atracción de visitantes do verán.

-Atopa a Rede Rema algún atranco para a súa expansión pola costa galega?

-Hai que ter en conta que estamos na fase de implantación da rede e de difusión dos seus obxectivos. Aí enmárcanse esas actividades para dar a coñecer os espazos e tamén para a admisión de novos socios. Nestes intres temos unhas 40 solicitudes enriba da mesa.

-Que ocorre entón, non sería ideal que todos os museos vinculados ao mar estivesen na rede?

-Ese é o obxectivo, porque nos permitiría compartir recursos e facer labor conxunta de divulgación, pero hai uns requisitos mínimos para incorporarse. Aínda así, eu son partidaria de buscar unha fórmula para que os espazos impulsados por colectivos ou entidades privadas teñan ocasión de participar de algún xeito, pois teñen un patrimonio rico que hai que dar a coñecer.

-A longo prazo, máis alá de incentivar as visitas a estes espazos, cal é o obxectivo?

-As posibilidades que ofrece o patrimonio marítimo son infinitas. Poderiamos incluír os faros e deseñar rutas para percorrer a pé, en bicicleta ou en coche. Mesmo é posible lanzar paquetes turísticos, incluíndo restaurantes e hoteis, e abrirlle a porta á artesanía. Hai que ir pouco a pouco programando obxectivos.

-Influíu a pandemia no calendario de actividades?

-Antes da chegada do covid puidemos lanzar a exposición itinerante O océano que nos une, que nos permitiu dar a coñecer a rede e os seus obxectivos, o que propiciou que moitos espazos amosaran o seu interese de adhesión. Logo, evidentemente, a pandemia retrasou todo o proceso. É complicado organizar actividades en museos sen a certeza de que van estar abertos ao público.