Gardiá do gusto pola escrita

La Voz

PORTO DO SON

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Patricia Torrado, natural da Arnela, na parroquia de Baroña (Porto do Son). Colleita do 1987, gozou do agarimo dos seus avós que marcaron fondamente o seu carácter.

Aínda que lle tivese gustado estudar Publicidade e Relacións Públicas ou Belas Artes acabou licenciándose en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Unha cidade que, ademais de choiva e arte, lle abriu o camiño do goce cultural, o teatro, a música, a pintura… Nomes propios adobiaban as noites no Dado Dadá, coma o do pianista Abe Rábade; tardes de risas na Casa das Crechas co pintor ourensán Rafael Cachaldora, mañás de cafés logo das clases dos antropólogos Mariño Ferro, Marcial Gondar e Rafael Martínez, acalmando a curiosidade desta muller feita a si mesma.

Arte entre os dedos

Meses coa Universidade de Alcalá de Henares de fondo deixando buligar a arte entre os dedos, prácticas no Museo Arqueolóxico Nacional, no de Artes Aplicadas, no do Traxe, no Prado. Tempo de aprender e medrar. Pero a súa sede de coñecemento non se saciou facéndose museóloga, e tivo que facerse experta en Conservación e Restauración do Patrimonio, para logo facerse xestora cultural na Universidade Pablo de Olavide.

O parto do seu fillo colleuna rematando un curso de Arqueoloxía Subacuática, outro de Educación e Interpretación do Patrimonio e o Máster en Relacións Públicas e Protocolo. De volta ao Son, coñeceu Barbantia e decontado colaborou nas súas actividades, especialmente no suplemento cultural.

Gusto pola escrita

Mais Patricia agochaba celosamente o seu gusto pola escrita. Centos de versos, relatos curtos e traballos diversos foron saíndo á luz e con eles participou en varios certames literarios. 2020, ademais de ser o ano da pandemia, tamén será para ela un ano de recoñecemento. Se xa en 2018 recibira o segundo premio de microrrelatos Semana sen Fronteiras do Casino 1889, e en 2019 o primeiro premio de microrrelatos Día do Libro do Concello de Vilalba, neste pasado 2020 recibía o primeiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía do Concello de Arteixo, o segundo premio de microrrelatos Día do Libro do Concello de Vilalba, un accésit de narrativa no Manuel Oreste Rodríguez López e o primeiro premio de poesía Torre de Caldaloba.