Manuel Gago: O novelista que converte en ficción a polémica nudista de Baroña de 1983

A VIVA VOZ | Manuel Gago involucra na loita a un crápula coruñés, para dar conta das súas andanzas amorosas


ribeira / la voz

Verán de 1983. Un grupo de profesionais liberais encabezado por Miguel Cancio, profesor da Facultade de Económicas da USC, emprende unha cruzada na defensa da práctica libre do nudismo en Baroña, unha tranquila praia de Porto do Son. A batalla, na que se involucran políticos, veciños e mesmo o cura da localidade, tiña tamén unha compoñente de loita contra a especulación urbanística, coa denuncia do denominado búnker, un edificio de catro pisos levantado ilegalmente á beira do litoral.

Este feito histórico que proba o cambio que se estaba a producir na Galicia da época é o punto de partida de Nus, a que será a nova novela de Manuel Gago (Palmeira, 1976). O libro, que verá a luz en marzo da man de Xerais, ten como protagonista a un crápula coruñés, un rapaz procedente dunha boa familia que acaba involucrado nunha loita que foi pioneira en varios sentidos: «Detrás estaba o dereito a estar espido na praia, pero tamén se buscaba unha revisión do delito de escándalo público que viña do século XIX e supoñía unha nova forma de protesta baseada no humor e no ridículo», explica o escritor.

Asegura que a historia en si deixouno fascinado hai anos, sobre todo ao comprobar que a todas aquelas persoas coas que a comentaba se lles debuxaba un sorriso nos beizos, aínda que o punto de partida da novela foi unha fotografía que deu a volta ao mundo. Nela aparece unha señora maior cun pano á cabeza que, pau en man, persegue a un grupo de nudistas: «Foi unha imaxe que me chamou moito a atención e xa adianto que na novela se desvela un segredo sobre ela que seguro que moi pouca xente coñece».

Manuel Gago tamén veu naqueles acontecementos ocorridos na década dos 80 en Porto do Son, unha clara conexión co presente que quería explotar: «Por unha banda está o tema da expansión urbanística e por outra, o debate arredor do escándalo público. Agora volve a haber un gran conservadorismo, con novas medidas de censura e límites á liberdade de expresión. Máis de 30 anos despois, hai situacións que nos lembran moito a aqueles momentos».

Aínda que todo o ocorrido ten un peso importante no libro, o autor deixa claro que se trata dunha obra de ficción: «Son unha especie de memorias dun crápula. É unha novela na que cambio totalmente de rexistro con respecto ás anteriores, que inclúe unha boa dose de sexo». Nus é ademais a primeira historia de Gago na que Barbanza aparece de forma explícita: «Sempre penso na miña terra para escribir, pero nunca a impliquei de forma tan directa». Con anterioridade, o escritor ribeirense publicara un libro de relatos e outras dúas novelas: O anxo negro e O exército de fume, ambientadas na Costa da Morte.

Á procura de pantasmas

Mentres espera o lanzamento nas librarías desa terceira novela, está coa promoción de O sangue das pantasmas, «un libriño que é unha especie de experimento literario editado por Couceiro co Festival Atlántica». El mesmo é o protagonista desta aventura cultural, na que vai á procura das pantasmas que agochan os pazos de Galicia.

Neste caso, a idea da historia xurdiu nunha estadía en Escocia: «Faláronme das pantasmas do hotel, que era un castelo e pareceume raro que en Galicia, coa cantidade de pazos que hai, non houbera historias de pantasmas. No libro vou falando cos donos destes edificios, buscando esas pantasmas».

Ten este libro acabado de saír do forno e outro en camiño, pero Manuel Gago recoñece que, a diferenza do que lle aconteceu a outras plumas, para el o confinamento non foi un período prolífico: «Custoume moitísimo concentrarme porque estaba saturado de información e atendendo aos cambios que estaban acontecendo no mundo. Só ao final puiden empezar a corrixir Nus, novela que escribira con anterioridade». De feito, a súa publicación estaba fixada para maio do 2020, pero adiouse por mor da pandemia. Agora, xa está mergullado noutros proxectos que non quere desvelar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Manuel Gago: O novelista que converte en ficción a polémica nudista de Baroña de 1983