Jorge Rodríguez: «Nas nosas comarcas, os delitos considerados graves son minoritarios»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

O xefe da compañía da Garda Civil de Noia explica que hai un incremento das denuncias por estafas telemáticas

27 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era mozo, non tiña moi claro por onde tirar, ata que un día veu entrar na ría de Ferrol unha patrulleira da Garda Civil e soubo que nese corpo estaba o seu futuro. Jorge Rodríguez leva xa 27 anos no instituto armado, e en febreiro colleu as rendas da compañía de Noia, unha zona que non lle é descoñecida porque xa traballou en Boiro e Porto do Son.

-A súa estrea como xefe case coincidiu coa chegada do covid.

-Dende logo foi unha aterraxe un tanto atípica nesta demarcación. Por unha banda, cheguei a unha zona de responsabilidade sobradamente coñecida para min -que abarca 16 concellos das comarcas de Barbanza, Noia, Muros, A Barcala e Xallas- co afán de continuar o excelente traballo desenvolvido polos meus predecesores; e, por outra banda, ese inicio da miña actividade veu coincidir co aumento da afectación da pandemia do covid-19 na sociedade, dado que, poucos días despois, foi decretado o estado de alarma.

-Como foi o traballo nestes meses de crise sanitaria?

-A actividade das patrullas da Garda Civil orientouse sobre todo a tarefas de axuda a colectivos vulnerables, con reparto de material de protección, e de concienciación á poboación acerca da pertinencia da adopción de medidas de protección ante o virus. Ademais, houbo que facer fronte a illadas condutas incívicas. O traballo diario foi moi intenso, con plena colaboración e apoio recíprocos con outros estamentos e organizacións de variada índole, con mención especial aos compañeiros integrantes das distintas policías locais. A concienciación da sociedade en xeral foi encomiable, e digna de recoñecemento, e animo a continuar nesta liña. Isto non rematou, o virus segue aquí.

-Que delitos se repiten máis nesta zona?

-Como é habitual, a meirande parte dos delitos rexistrados son contra o patrimonio, roubos, furtos, danos. Dentro dese mesmo ámbito, pero con unhas características e circunstancias particulares, están os telemáticos (estafas bancarias ou con tarxetas de crédito). Hai tamén outro grupo, os delitos contra as persoas -lesións, ameazas ou malos tratos en todas as súas variantes-, que teñen certo peso específico no cómputo global, pero sen chegar a cifras relevantes.

-Entón, pódese dicir que o nivel de delincuencia non é alto.

-Nas nosas comarcas os delitos considerados graves son minoritarios. Si é certo que as denuncias por supostos delitos telemáticos en este territorio teñen unha tendencia alcista nos últimos anos, o que pode vir relacionado con un maior acceso da poboación ao comercio electrónico e, en xeral, ao uso das novas tecnoloxías. Dende a Garda Civil estase a loitar contra este complexo fenómeno con grupos especiais de investigación, que están a realizar un excelente traballo. Quixera lanzar unha chamada de atención aos cidadáns para que extremen as precaucións no uso que fagan das novas tecnoloxías para minimizar a posibilidade de converterse en vítimas.

-Incrementáronse durante o confinamento?

-Habida conta de que, no global do presente ano 2020, o número de delitos rexistrados é inferior ao do mesmo período do 2019, de forma particular si que se notou aumento dos delitos telemáticos, así como dos de desobediencia. Estes últimos debido ao bo traballo realizado polo persoal das distintas unidades no control de incumprimentos reiterados da obriga de confinamento.

-E unha vez que se levantou o estado de alarma, como está a ser a situación?

-Unha vez decaído o estado de alarma, e recuperada a libre deambulación cidadá polos espazos públicos, si que se apreciou unha lixeira suba do número de delitos respecto aos meses de confinamento. Pero, en todo caso, por debaixo dos niveis de delincuencia rexistrados no mesmo período do ano pasado.

«O grado de cobertura dos postos de traballo é elevadísimo»

Jorge Rodríguez suma xa sete meses como capitán da Garda Civil en Noia, e coñece perfectamente as fortalezas e debilidades.

-Como está a situación en canto a medios humanos e materiais?

-Mentiría se, como responsable da xestión dun compendio de recursos humanos e materiais que presta unha función pública, dixera que non me gustaría contar con máis medios. Pero o certo é que, a día de hoxe, o grao de cobertura de postos de traballo é elevadísimo. Hai que facer notar que Galicia en xeral, e de forma máis próxima os concellos da contorna de Noia, están moi vinculados coa Garda Civil, e moitos compoñentes do corpo teñen a súa orixe aquí. Cando a súa traxectoria profesional llo permite, procuran obter destino en estas comarcas. Non se trata de lugares de paso para nós, o que propicia que o noso traballo se preste por persoal coñecedor da zona e dos seus problemas, e isto redunda nun mellor servizo aos veciños. En canto aos medios materiais, nunca son abondo, pero non temos motivos de queixa. A actual dotación permite a realización eficaz dos cometidos.

«Un cidadán pode prestar un valiosísimo servizo á comunidade»

Para o xefe da compañía en Noia, «a meta é traballar con intensidade en beneficio da poboación, intentando garantir que tanto residentes como foráneos que nos visiten aprecien a maior sensación de seguridade na súa vida cotiá. O cidadán ten que ver á Garda Civil como un estamento público esencial que vai estar aí para prestarlle o servizo e a axuda que poida precisar, e que nós esteamos facultados a dar».

-Para o seu traballo é moi importante a colaboración cidadá.

-Tamén quixera influír un pouco máis na poboación para que nos axude a desenvolver unha mellor tarefa de prevención dos delitos, no sentido de facerlle ver a importancia que ten o feito de que comparta coas forzas e corpos de seguridade calquera información da que sexa coñecedora relativa a feitos delictivos, ou sobre condutas ou actividades que lle parezan sospeitosas. Un cidadán pode prestar un valiosísimo servizo á comunidade só cunha simple chamada telefónica ao número 062, que será oportunamente atendida calquera día do ano e a calquera hora do día ou da noite.