Francisco Calo: O facho de Porto do Son que alumea o pasado

Ten realizados 200 traballos de investigación e escavou un feixe de xacementos, entre eles, o de Baroña


ribeira / la voz

Non llo puxo fácil o destino para acabar dedicándose aos que hoxe cualifica coma os seus amores no mundo da investigación, a etnografía mariñeira e a arqueoloxía, pero sorteando as pedras que foi atopando no camiño, Francisco Calo Lourido (Porto do Son, 1948) conseguiu labrar unha traxectoria na que figuran máis de 200 estudos e un feixe de escavacións, entre elas, as do castro de Baroña. Os comezos non foron doados e lamenta con tristura ter atopado máis facilidades e recoñecementos no veciño Portugal que na súa terra galega. Aínda así, nunca se rendeu e segue en loita.

Afrontou o primeiro atranco cando aínda non completara os estudos de Historia da Arte. O decano propúxolle en cuarto curso empezar coa tese para incorporarse despois ao seu equipo, pero rexeitou a oferta e, a pesar das súas brillantes notas, a negativa pechoulle despois a porta que máis desexaba atravesar, sumarse ao equipo do catedrático de Arqueoloxía Alonso del Real: «O decano vetoume e atopeime perdido». Tanto, que acabou enrolado no barco dun amigo de Porto do Son.

Pero o destino sabía que aquel talento non podía ser desperdiciado e a concesión dunha bolsa de formación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) permitiulle cambiar o rumbo e abrirse paso no eido da arqueoloxía a través do Instituto Galego Padre Sarmiento: «Alí estaba toda a flor e nata da arqueoloxía e da etnografía de Galicia», asegura. Tan fonda foi a pegada que lle deixou esta experiencia que, aínda que exerceu toda a vida de mestre en diferentes institutos, xa nunca foi quen de desentenderse do pasado, loitando sempre por arroxar luz sobre o período comprendido entre a Idade de Bronce e o fin do mundo romano.

Desenvolveu ese labor sobre o papel, nun cento de publicacións de carácter arqueolóxico e outras tantas vinculadas coa antropoloxía pesqueira, unha predilección que lle ven da súa terra sonense: «Son home de mar, aprendín a andar apoiándome nos cestos de peixe». Pero tamén suando, armado con pico e pala. É incapaz de lembrar os xacementos nos que traballou. En algúns, a súa achega foi fundamental. É o caso do castro de Baroña, ao que se refire como «o máis fermoso de toda a cultura castrexa pola paisaxe na que está». Desembarcou nel cando era «un monte de ruínas», para sacar á luz e consolidar a entrada, as escaleiras, os muros... Explica que mesmo elaborou un informe con máis dun cento de páxinas con directrices que logo foron tidas en conta.

Descontento con algunhas das últimas actuacións que alí se fixeron, Calo Lourido está convencido de que en Baroña aínda hai moito por descubrir: «Queda toda a zona da parte que mira cara a Muros, onde eu fixen unha cata e atopei o muro dunha casa. É moi probable que neste lugar, o máis elevado, estean os elementos máis antigos do xacemento». A el gustaríalle ver rematado o traballo que un día comezou: «Querería velo ben escavado, pero sobre todo, cunha publicación que explique todo con claridade».

Intenso labor en Portugal

Moito ao seu pesar, o sonense e outros que coma el trataban de arroxar luz sobre o pasado, tiveron que afastarse dos campos de traballo: «Prohibíronnos escavar porque non eramos licenciados en Arqueoloxía. Non podiamos, porque na nosa época non existía esa carreira en Galicia». Pero as portas de Portugal seguiron abertas para el: «Traballei máis de dúas décadas no castro de Monte Monzinho, o máis grande de toda a cultura castrexa, cunha superficie de 20 hectáreas de terreo».

Francisco Calo explica con orgullo que aínda hai pouco o chamaron da Universidade de Oporto, na que impartiu clases como convidado durante dous anos, para sumarse a unha escavación fronte a Zamora, á beira do Douro: «Alá me fun para coller de novo o pico e a pala». El fai bo o dito de «menos mal que me queda Portugal», lamentando que en Galicia non lle deixaran desenvolver a súa traxectoria profesional no eido da investigación.

Pero non se resignou, como así o demostran todos os traballos que leva asinado. Explica que a súa tese, sobre a plástica da cultura castrexa galego-portuguesa, segue a ser un libro de consulta obrigada no sector. Con ela gañou o premio Antón Losada Diéguez, galardón que repetiu con Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia, obra que lle abriu portas e mesmo o levou a impartir unha conferencia en Cambridge.

Xubilado e con tempo, Francisco Calo non deixa de sumar. Está mergullado nun traballo sobre «as falacias e as mentiras que nos contaron sobre a historia de España e que eu lles expliquei aos meus alumnos durante 30 anos».

Formación. Licenciado en Filosofía e Letras, é doutor e catedrático de Xeografía e Historia.

Publicacións. A maior parte dos seus traballos son ensaios e investigacións, pero publicou un libro de narrativa, Salseiros. A súa última obra é Vida e traballo no mar dos galegos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Francisco Calo: O facho de Porto do Son que alumea o pasado