Luis Oujo: «Non temos grandes industrias, pero si moitos recursos con gran potencial»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

O mandatario sonense destaca o apoio da Administración local aos emprendedores

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha xa longa traxectoria política e un respaldo veciñal que lle proporcionou ao PP a maioría absoluta, o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, pon de manifesto os recursos cos que conta o municipio. Asegura que existen moitas potencialidades que son fonte de riqueza.

-Neste momento, son máis importantes as inversións en obras ou as que afectan ao eido social?

-Ambas deben ir unidas. Non podemos deixar de atender a familias que están a pasalo mal, nin pasar por alto o envellecemento da poboación ou a necesidade de proporcionar servizos que permitan conciliar a vida laboral e familiar. Ao mesmo tempo, hai que facer aquelas actuacións que melloran a calidade de vida dos veciños. A forma máis axeitada de darlle saída á xente é con traballo. Neste momento estamos a ofertar moitas prazas públicas, e hai persoas ás que pola súa idade lles custa atopar emprego, que nos din que estamos a abrirlles un horizonte, aínda que sexa cun posto de carácter temporal. Temos operarios aos que contratamos nos últimos meses e cos que estamos moi satisfeitos polo labor que están a facer. Incorporamos a algúns que levaban tempo petando na porta de empresas sen éxito e que pensaron que non volverían traballar.

-Unha das eivas de Porto do Son é a falta de grandes industrias.

-O sector da pesca e do marisqueo emprega a moitas persoas. Portosín é un dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia. Por outra banda, hai un elevado número de veciños que traballan nas conserveiras da bisbarra. Carecemos de grandes industrias, pero a xente móvese. Procuramos axudar ás empresas que desexan medrar ou implantarse no municipio. Tamén apoiamos aos emprendedores. O viveiro de empresas traballa ao 100 % e indicámoslles aos que teñen interese en montar o seu propio negocio cales son as saídas que terían máis posibilidades. É certo que non temos grandes empresas, pero si moitos recursos con gran potencial.

-Aínda está pendente a consecución do polígono industrial. Poderá conseguirse a súa materialización neste mandato?

-Niso estamos traballando, co convenio ao que chegamos coa Xunta para facer o plan sectorial. Foi unha das primeiras actuacións que levamos a cabo en canto comezamos o novo mandato. Dende logo, a súa materialización sería unha gran axuda para aquelas empresas que precisan chan para a súa ampliación. Tamén para as que buscan seguridade xurídica, porque non é o mesmo desenvolver a actividade nunha área adecuada para iso que facelo nun terreo urbano ou que está próximo ás vivendas. Iso limita moito. Levamos moitos anos traballando para que sexa unha realidade. Temos demanda de chan para 60.000 metros cadrados, e comprometémonos a desenvolvelo para a súa ocupación por parte de pequenas e medianas empresas, para que poidan traballar e xerar emprego.

-O polígono quedarase neses 60.000 metros cadrados?

-As posibilidades de urbanización do terreo ascenden a 300.000 metros cadrados, pero polo momento queremos desenvolver unicamente o espazo para o que hai demanda. Irase ampliando a medida que xurdan novas necesidades para iso.

«Estanse a dar moitas licencias para a construción de vivendas unifamiliares no municipio»

O despoboamento e a baixa natalidade afectan á práctica totalidade dos municipios, e o de Porto do Son non é unha excepción. O rexedor cree que algunhas das medidas adoptadas están axudando a fixar poboación.

-Proporcionar servizos nun municipio tan extenso e con tantas parroquias resulta difícil e caro.

-É moi complicado porque temos dez parroquias e unha extensión de 94 quilómetros cadrados, pero considero que esa gran diversidade de núcleos que compoñen o municipio forman parte do seu encanto.

-A que se refire?

-As características desa distribución en moitos núcleos fai que haxa unha maior calidade de vida e a xente valórao. Por exemplo, estanse a dar moitas licencias para a construción de vivendas unifamiliares no municipio.

-Pode aumentar a poboación?

-Polo menos, estase a estabilizar a caída poboacional. O importante é que a xente non marche. Rebaixando impostos e ofrecendo servizos, intentamos que a xente quede a vivir aquí. A aprobación do PXOM favoreceu que poidan levantar aquí a súa casa e iso propicia que sexa factible fixar poboación.

«O Concello estivo atento ás necesidades xurdidas a raíz da crise sanitaria do coronavirus»

O mandato estivo condicionado pola pandemia, que obrigou ao Concello a facer fronte a unhas difíciles circunstancias.

-Como afrontaron a situación derivada do coronavirus?

-O primeiro que fixemos foi reunir aos técnicos de Servizos Sociais, que debo dicir que fixeron un gran traballo. Dende o primeiro momento puxéronse ao carón das persoas que o necesitaban. Buscouse o reforzo da atención a domicilio, a ampliación do programa de Xantar na Casa e favoreceuse que a xente puidera manter o confinamento. Por iso, proporcionóuselles a posibilidade de irlles facer a compra ou de buscarlles na farmacia os medicamentos que precisaban.

-Está a ser un período duro.

-É unha situación nova e chea de incertezas. O Concello estivo atento ás necesidades xurdidas a raíz da crise sanitaria do coronavirus, e continuamos en alerta.

-Fíxose un gran desembolso?

-Utilizamos os recursos necesarios. Por exemplo, compramos máis de 10.000 máscaras para entregar á poboación. Continuamos levando a cabo as tarefas de desinfección en espazos públicos e habilitamos unha partida para conceder axudas directas.

«O importante é a proximidade cos veciños e resolver os problemas»

Afirma Luis Oujo que o importante é atender os compromisos adquiridos e as pequenas cousas que preocupan aos cidadáns.

-De que actuacións se sinte máis satisfeito neste período?

-De sacar adiante proxectos cos que nos comprometemos cos veciños, como o saneamento de Queiruga, a obra da fachada marítima, que imos comezar en breve, o arranxo da contorna da igrexa ou a construción da rotonda de Portosín. Penso que non hai que facer obras faraónicas. O importante é a proximidade cos veciños e resolver os problemas.

-Márcase algún reto?

-Queremos que a xente se sinta orgullosa de vivir aquí, porque iso axuda a que un pobo medre e tamén a que se conserve o que ten. Non me marco grandes retos porque os veciños piden cousas sinxelas. O meu desexo é manter o trato próximo.

«Debemos ter unha oferta turística máis global, fóra da época estival»

O turismo constitúe unha das vías de ingreso que o Concello quere potenciar. A promoción do sendeirismo, dos xacementos arqueolóxicos ou das vantaxes da ría de Muros-Noia para a práctica de deportes náuticos son algunha das accións.

-Falta iniciativa empresarial no eido turístico?

-Porto do Son é un lugar para gozar coa súa gastronomía, paisaxes, praias. A xente que visita o municipio marcha cunha imaxe positiva e a publicidade do boca a boca está axudando moito. Probas como a Sin-Son tamén nos deron moito pulo e temos o potencial do castro de Baroña. Debemos ter unha oferta turística máis global, fóra da época estival. Faltan iniciativas de desestacionalización. Porto do Son é un lugar para vir todo o ano.

-Teñen algunha proposta?

-Temos que ser capaces, por exemplo, de que a xente que vai ao castro quede despois no municipio, que non marche. Estamos pensando en facer paquetes de actividades, unha oferta que debe contar coa implicación de comercio e hostalaría.

-E o Camiño de Santiago?

-Cando logremos a súa oficialización vai ser un impulso para a reactivación económica. Xa se están vendo resultados, porque o Náutico de Portosín é unha das ruta marítimas xacobeas e iso atrae xente. Temos que saber aproveitar ese potencial e os empresarios deben involucrarse.