Ánxela Franco, patrimonio inconmensurable

La Voz CAIXA DE CORREO

PORTO DO SON

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai hoxe un ano, espertábamos a un solleiro día que se ennegreceu de súpeto, a nosa compañeira, Carme Varela, mandaba unha mensaxe ao grupo para dicir «a nosa Ánxela acaba de falecer» así, sen máis, cada unha das persoas que a tiñamos no noso mapa dos afectos sentimos unha gadoupa intrusa que nos arrincaba do peito o corazón, e con el latexando na palma nos miraba irreverente. Non podía ser, seguro que era unha brincadeira de mal gusto, chamámonos entre nós para poder compartir bágoas e como buscando dalgún xeito que a persoa ao outro lado do grilo metálico nos dixera que fora un mal soño, só iso. Mais non o foi, e dende aquela seguimos orfos. Unha orfandade difícil de encaixar porque era ela moita muller e moi brava, de sorriso perenne, sen dobreces, das que van de cara, das que loitan con unllas e dentes polos seus, que eramos a familia, as amizades, os compañeiros, os coñecidos, a veciñanza, os galegos. Traballadora incansable, fixo campaña a brazo partido connosco chegando mesmo a pedir a alta voluntaria para vir votar, cando ninguén soubo da súa enfermidade, porque no seu afán protector tentou evitarnos o sufrimento ata o derradeiro alento. Porque nunca lle tivera medo a nada e non llo ía ter á morte.

Orgullosa de pór todo o que estaba na súa man para mellorar a vida dos demais, que case sempre eran os colectivos máis desfavorecidos ou aqueles que precisaban dun compromiso férreo da administración, chegou á Deputación para abaneala e que espertase dese soño narcótico e antigo que a facía inoperante, e abofé que o fixo como responsable da área de benestar social e igualdade. Comprometida co país, nacionalista de corazón e por convicción vivía a política como transformadora da sociedade, impelía a compañeiros e rivais políticos a deixarse a pel no posto, pois para algo foran elixidos. Fuxía da hipocrisía e de falsas promesas, e tiña entre os seus superpoderes o de facer cabriolas co tempo, non tiña tempo que perder, pero si tempo para prestar forzas e ouvidos a quen o necesitase. Aquela muller, que non dubidaba en coller o teléfono para chamar á hora que fose a quen fose, se con iso aliviaba os pesares da outra persoa. Indomable mais sensible, honesta, franca, intelixente, valente e cun don especial para non deixar a ninguén indiferente, unha das boas e xenerosas.

Soubo dende o minuto un que ser muller e política levaba aparellado demostrar a súa valía, algo que se demostraba a si mesma e aos demais a cotío, co que gañou respecto e afecto a partes iguais. Exemplo de dignidade, integridade e compromiso. Sabía que Galiza era un país de oportunidades, de xente afouta, de loitadores e loitadoras. Convencida de que o nacionalismo era a alternativa de futuro do noso país, porque só o pobo mira polo pobo, porque só alguén dos nosos mira por nós.

Hoxe, as circunstancias nas que nos atopamos non aconsellan unha homenaxe como ela merecería, pero sabemos e sabe que está no noso pensamento. Así pois, malia que volvemos botala en falta, fican as súas pegadas na area, como recordo perpetuo e primixenio dunha vida plena, a nosa Ánxela, irrenunciable, patrimonio inconmensurable da Galiza. Patricia Torrado Queiruga. Porto do Son

Pode enviar os seus textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es