«Lembro cando viñan polbos coma mantas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

Cualifica de misterio o que aconteceu co cefalópodo, pois hai poucos exemplares e son pequenos

07 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacer preto dun peirao pesqueiro é un condicionante. Foi o que levou a José Luis Segade Santos a facerse lobo de mar. Criouse en Nebra, unha das parroquias de Porto do Son que está máis afastada da costa, pero entre a agricultura e a pesca apostou pola segunda opción: «Aquí era o que había. Meus pais tiñan leiras, pero iso non daba, se querías ter algúns cartos había que ir ao mar». Comezou por obrigación, cando tiña só 15 anos, pero agora, xa xubilado, continúa por devoción, enrolado nunha embarcación de recreo. E iso que, como ben lembra, no medio século que pasou navegando houbo momentos bos e outros que non o foron tanto.

Aínda así, cando fai balance da súa etapa laboral o resultado é positivo. Nunca sufriu, nin en carne propia nin de preto, a desgraza que axexa ao sector: «Naufraxio, ningún, e situacións de perigo, poucas. Lembro un día que se fora un barquiño ao fondo preto do castro de Baroña, pero cando nós chegamos xa foran todos os mariñeiros rescatados por outros pesqueiros. Co meu barco temos tocado nalgunha pedra, e incluso abrirse unha vía de auga, pero nada que non puideramos solucionar».

Boas capturas

O sonense considérase un afortunado. Tocoulle traballar nunha época de vacas gordas: «Había menos barcos ca agora, e tamén máis peixe e marisco. O traballo no mar era fácil; agora gáñase, pero con esforzo. Tamén é certo que un cerqueiro de hoxe trae por vinte dos de antes». Nin sequera lembra con amargura os comezos, cando era un adolescente.

Do período do que garda peor recordo, por estar lonxe da casa e dos seus fillos, que por aquel entón eran pequenos, é da etapa que pasou traballando nun mercante en Noruega. Por iso, en canto viu a oportunidade ingresou na frota de Porto do Son: «Empecei nun bote pequeno, de seis metros, e colliamos nécora, camarón... o que había». Lembra que a vixilancia era escasa, pero non dubida á hora de engadir que tampouco facía tanta falla coma agora: «A xente non era tan ambiciosa e egoísta coma hoxe».

Viaxando ata aqueles tempos, a José Luis Segade chámalle a atención o pouco interese que espertaban especies que, co paso dos anos, se converteron en auténticos tesouros mariños: «O camarón tiñamos que cocelo para levalo á praza de Santiago e vendelo alí. O polbo antes non había quen o quixera; se viña algún na nasa era para comer na casa, porque non tiña saída no mercado. Pasaba tamén co ourizo, coa navalla e co percebe».

Con aquel pequeno bote, que despois cambiou por unha embarcación de segunda man e, na última etapa, por un barco a estrear, que bautizou como o Piringuela, o mariñeiro sonense foi testemuña directa da traxectoria que seguiu o cefalópodo: o seu prezo aumentaba a medida que diminuían as capturas. «Ao principio había moito, estaba alí onde estaba o marisco, e por iso nos viña nas redes», explica, antes de engadir que daquela había cantidade e calidade: «Había tantos polbos coma sal e exemplares grandes, non coma os de hoxe».

Un sector en crise

El, que ao final dedicou o 95 % da súa traxectoria como mariñeiro á captura desta especie, non se explica o acontecido: «O que pasou co polbo é un misterio. Lembro cando viñan polbos coma mantas, sobre todo nas marusías. Por contra, un par de anos antes de que eu deixara o mar, viña un en cada nasa, e moitos nin sequera daban a medida. Tirábalo á auga e volvías 15 días despois e seguía igual. Non sei o motivo, pero agora o polbo non medra».

Se volvera a nacer, a este sonense non lle importaría repetir profesión. Tanto é así que, ao pouco de xubilarse, xa estaba de novo no mar: «Comprei unha lanchiña, das da sétima lista, e vou ás luras, aos pintos, ás maragotas... Pero non teño moita experiencia, e rinse de min os compañeiros, porque aquí son un novato». Para el, o de mariñeiro non foi un traballo duro: «Leveino con ilusión e cariño».

Dalgún xeito, os tres fillos de Segade Santos seguiron os seus pasos, pois dous están nunha lancha de Salvamento Marítimo e outro ten unha embarcación propia, coa que se dedica á captura de marisco. A el e a todos os que elixen este camiño trasládalles o mesmo consello: «No mar hai risas e choros, hai ganancias e perdas, días bos e outros malos. Ás veces quedas sen un aparello e alá che vai o xornal de varios días. Outras veces hai temporal e non se pode saír. Como armador, doíame que a miña xente non puidera pescar e non tivera que levar para a casa».

optimista

O ocorrido co polbo, a que foi a súa especie estrela, non lle quita a José Luis Segade optimismo á hora de falar do futuro do sector: «A pesca ten futuro. O problema que lle vexo é que os barcos son máis modernos e cada vez precisan menos xente»