Raquel Rodríguez: «No coche esquezo os meus medos»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

A boirense debutará esta tempada no Campionato de España, formando equipo co ourensán Diego Félix

31 ene 2020 . Actualizado a las 15:05 h.

Raquel Rodríguez (Boiro, 1997) sentiu a chamada do rali sendo unha nena. Este ano cumprirá un soño, competir no Campionato de España. Recoñece que para ela é un paso máis, unha aprendizaxe nun mundo no que se sinte forte, practicamente inmortal. Dentro do coche é ela.

-Como empezou nos ralis?

-A meu irmán gústalle moito, empezoume a levar ao Rali de Noia. Encantoume e con 12 anos xa me buscaba a vida para ir ás carreiras. As miñas amigas non lles gustaba moito e miraba con quen poder ir. Vía os coches e pensaba que oxalá puidera participar. Víao tan lonxe... Por iso agora valoro moito o que conseguín. Non é algo extraordinario, pero para min si o é.

-Cal foi a primeira vez que subiu a un coche de ralis?

-Foi cun piloto que sempre admirei, Lisi Abelleira. Cando era pequena só o coñecía a el. Era un referente, era un piloto bravo, extraordinario. Era espectacular velo. Ía a tódolos ralis e sempre o animaba, sacaba vídeos, fotos... A través dun concurso tocoume o premio de dar unha volta con el nun circuíto. Fora fantástico.

-E a súa primeira competición?

-Foi no 2016, en Noia, cun rapaz de Porto do Son. Corría no equipo de Abelleira. El era copiloto, sabía que era moi fan das carreiras e deume a oportunidade, a pesar de que sabía que non correra nunca. Como teño un pouco de mala sorte non puidemos saír. Estivemos amañando o coche. Cando fomos a saír en San Finx empezou a subir a presión da gasolina. Había o risco de romper e motor. Era imposible. Apartamos o coche. Empecei a chorar, non había quen me consolara. Un señor faloume, díxome que isto era o peor que me podía pasar, que o resto que me viñera sería mellor. Realmente o meu debut foi en Lalín. Sempre me quedará para o recordo. Queres facelo ben, pero cometín moitísimos errores. Hai moitísima tensión. Cando entramos no parque vin á toda a xente esperando por nós, meu irmán, miña familia, meus amigo. Todos aplaudindo, foi moi bonito.

-E agora cantos leva xa?

-Levo 25, pero non son tantos. Houbo un ano que fixen dez, noutro catro... Están repartidos.

-E como foi a súa evolución?

-Creo que evolucionei moito, fai pouco vin o meu primeiro rali. Pensei o mal que o fixera, a maneira de berrar. Mellorei moito con moitos cursos con con Antonio Solorzano (PTC Escuela). Ensinoume moito para seguir aprendendo. O meu obxectivo é ese, mellorar. Podes marcarte un reto, por exemplo nesta Copa Suzuki queres quedar o máis arriba posible, pero co tempo iso esquécese. Eu co que me quedo é co que vou progresando. Para ir ao campionato de España levou un mes decidirme. É algo moi serio, unha copa coma deus manda e hai moita responsabilidade. Unha penalización supón moitos cartos. Sabía que non ía ter outra oportunidade así, non te chaman así como así para un nacional. Pero creo que vamos facelo moi ben, pasalo ben e aprender. Se dixera que non íame a arrepentir. No campionato galego sentíame un pouco estancada e este é un salto máis a nivel persoal. É o que me queda, a miña meta non é vivir disto.

-Que debe ter un bo copiloto?

-Eu creo que debe ser organizando, pero tes que telo todo. Tes que controlar os nervios, debes transmitir tranquilidade. Controlas moita información. Nunca desconectas e debes vivilo. Eu póñome moi nerviosa antes de competir, non podo comer, choro moito, pero o día que non me poña así deixarei de correr, porque significará que isto xa non me importa.

-Segues sentíndote inmortal dentro do coche?

-Si, si, o coche é onde mellor me sinto. Son moi insegura, moi perfeccionista, pero no coche síntome segura, no coche esquezo os meus medos. Agora cando canto son moi precisa, moi concisa, moi calmada.

-Pero é un deporte de risco.

-Si, sempre te expós a levar un golpe, pero non penso niso, senón non estaría correndo. Ata agora nunca tiven un, vas moi protexido. Sempre digo que corro máis risco indo a traballar que nunha carreira. Realmente é así. Un rali non me dá medo pero si, respecto sempre hai que telo.

-Leva tempo correndo coa súa parella, Antonio López.

-Compartir afección é o mellor. El coñéceme, sabe os meus puntos débiles, sabe cando me ten que animar, cando me ten que dicir que o estou facendo ben. Correr xuntos é do mellor. Ademais, pelexou moito para competir, para facer de cero o coche. Vivímolo con moita intensidade, a nosa a prioridade son as carreiras.