«No mar perdes os mellores anos da vida»

Viu de moi preto a morte no seu segundo naufraxio, no que pasou unhas sete horas na auga


ribeira / la voz

Fillo e neto de mariñeiros, Balbino González seguiu a tradición familiar e con 15 anos enrolouse nun barco rumbo ao Gran Sol. Embarcou desde Pasaxes, un municipio vasco ao que xa emigraran outros moitos veciños seus de Porto do Son, porque «o traballo no mar era mellor pagado alá». Xubilouse como mecánico naval aos 58 e aínda que ten gratas lembranzas daquelas duras travesías, non dubida á hora de asegurar que, se a vida lle dera outra oportunidade, trataría de gañarse o pan en terra. O mar rouboulle a mellor etapa, a da mocidade, e a piques estivo de arrebatarlle a vida ata en dúas ocasións.

Levou o primeiro susto cando tiña 25 anos. A tripulación do seu barco, o Borda Aundi, estaba preparando o peixe capturado en augas de Terranova cando o fume os alertou da existencia dun incendio. Aínda que o tentaron apagar con todas as súas forzas, foron incapaces. Tampouco podían lanzarse a auga: «Tirarse ao mar alí é sinónimo de morte segura por hipotermia». Por fortuna, a embarcación traballaba en parella e foi a compañeira a que os socorreu antes de que o lume se estendera. Non houbo que lamentar vítimas, pero Balbino González aprendeu a súa primeira lección como mariñeiro: «Vin realmente o duro que pode resultar o mar. Ata aquel momento só fora consciente da mellor cara, das escalas nos diferentes peiraos, onde aproveitabamos para tomar unhas cervexas e ir ao baile».

A peor marea

Pero foi o segundo naufraxio, cando tiña 34 anos e xa se formara para exercer de maior de máquinas, o que o levou a darlle un xiro á súa vida. Formaba parte da tripulación dun barco de carga xeneral que viaxaba desde Laxe ata Casablanca con madeira: «Era un mes de febreiro moi chuvioso e a carga pesaba máis do normal, pois a madeira estaba mollada. Saímos mal, porque o peso non estaba ben repartido». E preto de Fisterra, o bravo mar provocou que un costado do buque quedara afundido. Balbino González estaba durmindo cando ocorreu todo. Só lembra que, cando conseguiu subir á cuberta, decatouse de que todos os seus compañeiros se foran nun bote e estaba só.

«Nun momento así, a cabeza non rexe e o medo apodérase dun por completo», recoñece o sonense. El optou por tirarse ao mar e alí, loitando por manterse a flote coas táboas procedentes da carga do barco, pasou as peores horas da súa vida. «Daquela tiña un fillo de ano e medio, que era o que se me viña a cabeza a cada momento», relata. Cando levaba cinco horas «chorando e couceando» e as forzas xa lle fraqueaban, logrou subir a unha balsa que emerxera do buque e alí estivo, esgotado e sufrindo os primeiros efectos da hipotermia, ata que un barco cargado con coches o rescatou.

Cambio de rumbo

Non custa imaxinar a angustia que padeceu Balbino González, tanta que aquel naufraxio levouno a deixar o mar: «Estiven case unha década traballando en terra, vivindo outras experiencias totalmente distintas e coñecendo a un feixe de persoas». Pero acabou quedando sen traballo e tivo que recorrer á que era a súa profesión. Xubilouse como comezou a súa traxectoria laboral, como mariñeiro, nunha última campaña en Noruega que se prolongou durante 16 anos.

El coñeceu a peor cara do mar, non só polos dous naufraxios que sufriu en carne propia, senón tamén polas condicións laborais da época: «Daquela non se empregaban cascos e así quedei medio xordo». Ten claro que non repetiría a experiencia e así llo aconsellou aos seus dous fillos, aos que conseguiu afastar da tradición familiar: «No mar perdes os mellores momentos da vida, cambias tempo por cartos e ao final decátaste de que non compensa. Lembro que eu de mozo tiña máis cartos ca os meus amigos, pero xa dicía o dito que fai máis un estudante con 20 pesos ca un mariñeiro con mil pesetas. O mariñeiro quería comerse o mundo nos dous días que pasaba en terra e non aforraba».

Aínda sendo consciente do difícil que está o mundo laboral, á xente nova aconséllalle abrirse camiño en terra: «Os mariñeiros de antes tiñamos unha vantaxe, pois un home de mar gañaba por catro de terra, pero hoxe nin iso. Hai quen vai ao Gran Sol por pouco máis de mil euros ao mes, e aquel mar é moi duro».

Concelleiro gaiteiro

Ao xubilarse e contar con tempo libre, Balbino González decidiu dedicarse a unha das súas paixóns, a política. Exerce de feito como concelleiro do BNG en Porto do Son: «Axudar ao pobo é o único que me move». Tamén desenvolveu outras afeccións: toca a gaita nun grupo e produce albariño cun pequeno viñedo que ten en Santa Cruz de Rivadulla.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«No mar perdes os mellores anos da vida»