Mar de inverno

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

PORTO DO SON

ÓSCAR CORRAL

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mar ten un efecto hipnótico. Nada é igual nel, todo cambia en cada segundo, non existe unha onda réplica exacta doutra. Así pasamos as horas mirándoo, tamén polas distintas tonalidades de azul-verde-gris que pode ofrecernos.

O mar da praia que todos veneramos, e o da morte líquida e invernal. Pode volverse negro, tinxirse de penumbra absoluta pola contaminación de petróleo ou converterse tamén nas máis feras fauces nas que desaparecen vidas.

Este días estamos a vivir unha chea de novas con respecto a este mar de inverno. O Divina del Mar encallou preto de Porto do Son. A mala sorte fixo que un dos tripulantes, ao lanzarse ao mar, se golpease e perdese a vida. Poucos días despois, o mar devolveu a terra a identificación dun dos policías que afogara no errado rescate dun mozo no Orzán hai sete anos.

Hai tan só uns días un barco quimiqueiro encallou na ría de Ares, despois de resgardarse precisamente nela porque a chegada a A Coruña se lle estaba a complicar. Por sorte non pasou nada grave, salvo que non dan sacado o barco do lugar, encaixado como quedou. Pero a min faime lembrar que hai 32 anos, preto das datas de Nadal, preto tamén da miña casa, embarrancara o buque panameño Cason. Todo comezou do mesmo xeito que con este Blue Star, cun incendio que o complicou todo. Este buque ía baleiro, pero, se chegase a transportar carga, estariamos diante doutra desgraza coma aquela?

Coidamos e protexemos as nosas costas? Aprendemos das desgrazas pasadas?

Lembren todo isto cando lexislen.