O investigador Martín Fernández Calo, premio Murguía cun ensaio sobre os soberanos da Galicia castrexa

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

PORTO DO SON

Foto de familia do xurado do premio Manuel Murguía na súa 12.ª edición
Foto de familia do xurado do premio Manuel Murguía na súa 12.ª edición

09 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O investigador Martín Fernández Calo (Porto do Son, 1990) gañou o premio Manuel Murguía de ensaio na súa 12.ª edición coa obra Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa, traballo no que reivindica a Galicia antiga como suxeito historiográfico de seu.

O galardón -promovido pola Deputación da Coruña- ten unha dotación económica de 6.500 euros e comporta tamén a publicación do texto. O xurado, composto, entre outros, por Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos e os gañadores da edición anterior (Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó), enxalzou «a claridade expositiva» da obra.

«A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa», incide o fallo, que destaca tamén que «a tese dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste na época Xulio-Claudia descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráfico, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas, españolas e estranxeiras)». O xurado subliña tamén que o estudo está moi ben redactado e é moi preciso terminolóxica e conceptualmente.

Fernández Calo xa publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a. C.-VIII d. C. (Blukk, 2018).