Francisco Fernández: «Queremos garantir o cheo na vila estes días de festa»

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Festas do Carme | Foi quen de manter o nivel de edicións pasadas coa inclusión de orquestras como a París de Noia e a Panorama

07 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anunciou o ano pasado, cando remataron as celebracións, que deixaba a presidencia da comisión das festas do Carme de Porto do Son, pero hai pouco máis dun mes, como non había sucesor, Francisco Fernández tivo que situarse de novo á fronte do colectivo encargado da organización dos festexos. Xunto cos seus compañeiros de aventura, non só conseguiu reunir os fondos para deseñar un cartel aceptable, senón que foi quen de manter o nivel de edicións pasadas coa inclusión de orquestras como a París de Noia e a Panorama.

-Como se consegue redondear un cartel de tanto nivel en tan pouco tempo?

-Pois con moito esforzo. Teño que dicir que tanto eu coma os meus compañeiros da comisión deixamos de lado a nosa vida persoal e incluso os nosos traballos para dedicarnos á organización das festas.

-Cales foron os obxectivos que se marcaron cando empezaron a traballar?

-Pois buscamos elaborar un programa variado, seguindo a liña de edicións anteriores, e que incluíra actividades destinadas a todo tipo de públicos. Apostamos por orquestras que chamaran a atención, por unha sesión de fogos artificiais que resultará espectacular, por manter a tradicional sardiñada do Loreto e por ofrecerlle xogos e inchables aos cativos.

-En todo este proceso, que foi o máis complicado?

-Sen dúbida, ir porta por porta para reunir os donativos dos veciños. A algunha vivenda tivemos que ir catro ou cinco veces. É certo que hai persoas que son encantadoras e que fan a súa achega á primeira, pero noutros casos temos que insistir. Como somos cabezudos, imos ata medio cento de veces se fai falla.

-Aínda que a colaboración do Concello é importante, os donativos dos veciños seguen a ser fundamentais...

-Pois si. Está claro que todo suma, pero sen esa parte que achegan os veciños sería imposible organizar unhas festas como as deste ano.

-Que se busca coa contratación de grandes orquestras como a París ou a Panorama?

-Queremos garantir o cheo na vila estes días de festa e sabemos que esas orquestras son capaces de conseguilo. A nosa intención é que as rúas e as terrazas estean a tope.

-Persoalmente, que é o que máis lle gusta das festas?

-O día máis bonito para min é o do Carme, porque considero que é unha xornada que se vive con moita intensidade. Eu fun mariñeiro e agora teño unha embarcación de recreo. Gústame o mar e todo o que estea relacionado con el. A romaría do Loreto tamén é unha boa ocasión para gozar coa familia e cos amigos.

-Capitaneará a comisión o vindeiro ano?

-Non, xa llo deixei claro aos membros do goberno municipal e aos meus compañeiros da comisión que o deixo. Levo tres anos traballando e preciso un descanso.

-Semella que se vai con mal sabor de boca...

-Non, pero si que recoñezo que se a xente colaborara máis en vez de estar criticando todo sería máis doado. Cando a busquei, sempre atopei axuda e houbo quen traballou moito en citas como a festa da tortilla ou a da filloa, o que ocorre é que hai quen emprega as redes sociais para criticar, porque é moi doado, pero non vén xunto a nós para ofrecernos alternativas viables.

-¿Que foi o mellor destes tres anos á fronte da comisión?

-A xente que estivo traballando comigo, pois convertémonos nunha familia. Logo, está a satisfacción de ir pola rúa e que haxa veciños que che paran para felicitarche pola calidade das orquestras ou polos fogos de artificio.

«O día máis bonito para min é o do Carme, pois é unha xornada que se vive con intensidade»

«Sen dúbida, o máis complicado é ir porta por porta para reunir os donativos dos veciños»

Despois de tres anos na comisión, Fernández anuncia que se tomará un descanso. FOTO marcos creo