Os campamentos da Xunta impulsan a loita contra a violencia de xénero

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

gus de la paz

A campaña inclúe tamén propiciar que os rapaces se animen a falar en galego

25 jul 2019 . Actualizado a las 10:30 h.

O campamento xuvenil Virxe do Loreto, en Porto do Son, foi escenario da posta en marcha do programa O galego campa! da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta iniciativa está destinada a favorecer o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta e tamén a facilitarlles aos monitores formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces a expresarse nesta lingua. Na iniciativa colabora a Secretaría Xeral da Igualdade, no marco da campaña Nós contra a violencia.

Os rapaces que están pasando uns días en Porto do Son foron os primeiros en coñecer estas actividades, que se levan a cabo nos 22 campamentos da Xunta. O lanzamento de saída foi onte, e ata o Loreto achegáronse responsables como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a responsable de Igualdade, Susana López Abella; e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel. Tamén estiveron a primeira tenente de alcalde de Porto do Son, María Maneiro, e o concelleiro Manuel Deán.

Os representantes políticos departiron cos adolescentes e participaron incluso nalgunha actividade presenciando unas representacións ao aire libre contra a violencia de xénero.

Cistina Pichel faloulle aos asistentes da intención do seu departamento de dinamizar os campamentos e invitounos a pasalo ben mentres estean nestes recintos. Neste sentido animounos a participar: «Facendo actividades formativas entre elas aquelas relacionadas co idioma galego». Recordou que máis de 400 rapaces pasarán polas dependencias da Xunta en Porto do Son, dos que esperaba que se divertisen a través das iniciativas náuticas e formativas.  

Novos valores

Pola súa banda, Valentín García subliñou que os de esta quenda eran os primeiros en poder ver esta campaña, na que se intentan promover os valores como a convivencia e, sobre todo, «que faledes cada vez máis o galego e de maior calidade». Recoñeceu que estas xuntanzas serven para mostrar máis respecto polo medio ambiente, a igualdade e para evitar a violencia de xénero. Rematou afirmando: «Sodes afortunados por estar aquí, así que espero que faledes a nosa lingua».

Susana López Abella invitou aos rapaces a pasalo ben: «Sodes o noso futuro inmediato e acabaredes coa violencia de xénero». Tivo tamén palabras de lembranza para a vítima de Lugo, asasinada pola súa exparella en Vilalba. Acabou a súa intervención para instar os xoves a «levar no voso corazón a loita contra a violencia machista». Por último, María Maneiro invitou aos adolescentes a coñecer o municipio e a «divertirse».

O galego campa! suma nesta ocasión, ao traballo en lingua e mocidade, o dos valores transversais da igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero, todos eles imprescindibles para os mozos e mozas que teñen nas súas mans o futuro da sociedade galega. Nesta actividade inclúese o programa Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor, que este ano combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero.