Daniel Formoso: «Debemos tratar de abrir novos mercados, existen alternativas»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

jorque parri

O dirixente considera que é preciso dar maiores facilidades aos emprendedores e aos mozos

22 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O responsable da Federación Provincial de Confrarías da Coruña ocupa o cargo de presidente do grupo de acción costeira GALP Costa Sostible. Dende a constitución deste colectivo no 2009, Daniel Formoso estivo nos seus órganos reitores, xa que inicialmente foi secretario. Bateeiro de profesión, a súa estreita vinculación ao mar fai que coñeza en profundidade as súas debilidades e fortalezas. É consciente de que o sector non pasa polo seu mellor momento e non oculta o seu pesimismo porque, afirma, as dificultades para o exercicio da profesión motivan que os mozos «busquen outras alternativas».

Precisamente, sobre as novas posibilidades de negocio que existen nos ámbitos pesqueiro e marisqueiro tratará o Foro Voz, impulsado polo GALP Costa Sostible e La Voz de Galicia, que terá lugar o día 27 na casa de cultura de Porto do Son.

-Cal é a súa análise da situación do sector pesqueiro?

-Cada vez temos máis problemas. A burocracia e as taxas acaban co sector. Non se fai nada por facilitar as cousas, e proba diso é que os barcos estanse a vender. A actividade pesqueira non ten atractivo suficiente.

-Como ve as posibles alternativas ao que é a actividade puramente extractiva.

-Todo o que se faga resulta positivo, aínda que previamente é preciso facer os estudos pertinentes. Non se pode aplicar calquera tipo de medida ou levar a cabo actuacións que non sexan analizadas previamente, porque iso pode resultar prexudicial.

-Hai campo de explotación?

-Debemos tratar de abrir novos mercados, existen alternativas. No caso de Muros, un exemplo é o do ameixón. Antes non se traballaba e resulta que ten moi boa aceptación fóra de aquí. O relojito é outra opción.

-Tamén está o aproveitamento das algas, dende Muros a Fisterra xa hai exemplos diso.

-No Foro Voz vai estar presente un profesor de botánica que coñece ben ese aspecto. Claro que se poden abrir

-Faltan emprendedores?

-O que penso é que deberían dárselles máis facilidades. No caso das axudas europeas, por exemplo, teñen que adiantar os cartos. Hai moitos mozos que contan con proxectos innovadores que, sen embargo, carecen de capacidade para afrontar a inversión. Considero que debería variarse o modelo para que máis xente se animara a facer propostas para crear empresas.

-Considera que hai iniciativa?

-Polo que vamos vendo cada ano, creo que si. Agora ben, levar a cabo calquera proxecto require de estudos previos, de análises, e iso resulta complicado e ten uns custes. Penso que hai moitos ámbitos nos que se pode intervir e que pode resultar moi interesante para ofertar alternativas a esta zona.