A indeleble pegada de Ánxela Franco

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

Ducias de persoas participaron na homenaxe póstuma organizada polo BNG no peirao de Porto do Son

09 jun 2019 . Actualizado a las 14:49 h.

Un elocuente silencio puxo o punto e final. Despois das palabras, dos incontables cualificativos para definir a unha muller excepcional, imprescindible, valente, brava, auténtica, honesta, irrepetible, amiga, feminista, apaixonada, franca, loitadora, xenerosa; despois das bágoas e do nó na gorxa, despois do himno e da ovación, chegou o silencio. Porque non quedaba nada que dicir. Porque xa todo estaba dito e non cabía nada máis que engadir para homenaxear a Ánxela Franco, aínda que todo pareza pouco para estar á altura dunha persoa que deixou unha pegada indeleble en quen a coñeceu.

Sen recuperarse aínda do golpe que supuxo para o BNG de Porto do Son a perda da súa «comandante», os compañeiros de Ánxela quixeron celebrar un acto na súa lembranza. A carón do mar, familia, amigos, coñecidos e veciños reuníronse diante dunha pantalla na que se proxectaban fotos súas, e diante dun atril polo que foron desfilando algúns dos seus seres máis queridos. A emoción contida palpábase desde os minutos previos ao inicio do acto, e a intervención de Xosé Manuel Alfonso, que foi concelleiro nacionalista, veu confirmalo: «Perdón se nalgún momento nos fallan as forzas».

Pero logo chegaron os fillos de Ánxela, Andrea e Carlo, e o seu marido, Carlos, que foron quen de facer sorrir aos presentes cos seus recordos. Andrea explicou que se logra manter a calma e o sorriso é pola explicación que lle deu a súa nai cando lle preguntou se cría no ceo: «Contestoume que non sabía o que haberá despois disto, pero estaba convencida de que acabaría formando parte do universo e da natureza».

Carlo, igual que a súa irmá, desfíxose en eloxios cara a súa nai. Dixo dela que era apaixonada, loitadora e xenerosa, e como exemplo disto último mostrou unha pulseira laranxa que levaba na man: «Era dela, cando lle dixen que me gustaba regalouma ‘porque che quero e porque con ela podo parecer de Ciudadanos’». E Carlos amosou a súa gratitude cara todo o mundo: «Creo que a despedida a Ánxela deu testemuña a súa casta e a súa valía». Despediuse cunha particular homenaxe para dar continuidade ao labor político da súa muller: «Hoxe ímonos afiliar ao BNG, porque loitando entre todos seremos capaces de conseguir unha Galiza mellor».

Compañeiros de filas

Moitos compañeiros do BNG de toda a bisbarra e militantes que teñen ocupado cargos de responsabilidade na executiva nacional estaban entre o público, pero só houbo tempo para que uns poucos dedicaran unhas palabras á líder do Bloque sonense. Balbino González, a «súa Isiña», Anxo Moledo, Carmen Varela, Xoán León. Todos eles se puxeron diante do atril, case sen voz, incapaces de conter a emoción.

Carmen Varela contou que, ademais de amiga, lle tocou o «papelón de darlle un diagnóstico de mal nome e peor prognóstico», e como ela encaixou o golpe: «En ningún momento pensou que a enfermidade ía cambiar a súa vida, tiña unha axenda chea de compromisos á que non estaba disposta a renunciar, non pensaba fallar, esta era só una pedra máis no camiño. Era a nosa comandante e non permitía fraquezas nas súas filas».

Goretti Sanmartín, con quen Ánxela Franco compartiu goberno provincial, definiuna coma «un furacán. Eu xa sabía que Ánxela ía causar unha revolución na Deputación e así foi». A derradeira intervención foi para Ana Pontón: «Para ela a política era calquera cousa menos farsa, clamaba contra a hipocrisía e nunca calaba ante as inxustizas».