Ánxela Franco: Unha muller cun forte carácter que loitou por conseguir un mundo mellor

A.L. / J.J.

PORTO DO SON

cedida

Era a responsable da área de Igualdade da Deputación coruñesa e levaba 16 anos como edila do BNG sonense

02 jun 2019 . Actualizado a las 23:13 h.

O 2 de xuño volveu a ser un día fatídico para a familia nacionalista do Barbanza, posto que cando se cumpría xusto un ano de pasamento do ex edil ribeirense Plácido Betanzos, onte se recibía a terrible noticia da morte de Ánxela Franco, responsable de área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña e concelleira do BNG de Porto do Son durante os últimos 16 anos, e que acababa de revalidar a súa acta para seguir outros catro máis. Só o seu círculo máis íntimo sabía da enfermidade que lle detectaran hai apenas unhas semanas, pero ninguén esperaba este rápido desenlace, que causou unha gran conmoción entre todos os seus amigos e coñecidos.

Natural da parroquia sonense de Caamaño, Ánxela Franco comezou con 16 anos a participar activamente na vida social do seu municipio, formando parte de asociacións veciñais, de pais e incluso da comunidade de montes. No ano 1994 deu un paso adiante para entrar no mundo da política, primeiro nos últimos postos da lista do BNG, para logo xa ocupar as primeiras posicións. Todos os que a coñecían a definen como unha muller cun forte carácter, pero que sempre loitou por intentar crear un mundo mellor. «Era unha persoa vital, boa amiga, cun eterno sorriso, e sempre dando forzas e dicindo que había que loitar polo futuro dos nosos fillos», lembraba onte o seu compañeiro de partido Xosé Manuel Alonso.

Tras coñecer o seu falecemento, o Concello sonense celebrou un pleno para decretar tres días de loito oficial, e os representantes da Deputación tamén amosaron a súa consternación por esta grande perda, porque «Anxela Franco estaba convencida de que as institucións tiñan que apoiar ás persoas máis desfavorecidas e iso foi o que defendeu con enerxía desde o goberno provincial».

A concelleira nacionalista será enterrada esta tarde, ás 20.00 horas, no cemiterio de Santa María de Caamaño.