Represión de mestres en Porto do Son

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

PORTO DO SON

CEDIDA

Durante a Guerra Civil, a Comisión Depuradora pedía informes dos docentes

31 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A comezos do século XX a situación escolar non era a desexada. Na II República intentouse arranxala contando co ensino como transformador da sociedade, dignificando a profesión e superando o atraso instalado durante a Restauración. A sublevación militar aniquilou algunhas medidas e a dereita fascista comezou a limpa de España, e o sector do Maxisterio foi un dos obxectivos principais. Tomaron represalias contra os mestres que amosaron o seu apoio á Fronte Popular e comezou unha depuración que rematou con moitos fusilados, encarcerados e, o resto, denigrados. Moitos docentes simpatizantes coa República foron considerados inimigos de España.

En agosto de 1936 déronse instrucións moi precisas para que os concellos de toda Galicia comezasen a exercer aquela represión. O proceso depurativo deu comezo nestes primeiros días do levantamento, continuou durante a guerra e alongouse nos anos posteriores á mesma. Daquela a Comisión Depuradora enviou aos concellos unha circular da Delegación Militar de Instrución Pública da provincia d´A Coruña para que os alcaldes, coa axuda da Garda Civil, os falanxistas, os cregos das distintas parroquias e mesmo os propios veciños, remitisen con urxencia información sobre as actividades dos docentes das zonas baixo dominio dos sublevados e que se estendería aos novos territorios ocupados. A partir da apertura dos expedientes, os mestres quedaban na máis absoluta indefensión, amedrentados pola inxustiza e temendo non só perder os postos de traballo e os salarios, senón tamén as súas propias vidas.

O alcalde de Porto do Son enviou os correspondentes informes o día 12 de agosto. Neles recollía a conduta social, política, moral e relixiosa dos mestres que traballaban no termo municipal. Daquela, dous deles xa estaban no cárcere de Santiago.

Catalogación de cada un

Dos vinte docentes que naquel tempo impartiron clases nas distintas parroquias de Porto do Son figuraban nos informes como «izquierdas, independientes y derecha»s. Noutros casos aparecían cun lacónico «dudoso» ou indicando co texto «no simpatiza con el movimiento nacional».

Froito daquela represión abusiva foron solicitados informes, sancionados ou encarcerados os seguintes profesores: Ignacio Martínez Lanza, natural de Laranga, detido e enviado ao cárcere de Raxoi, en Santiago. Antonio Conde Asperot, mestre da Escola de Nenos nº 1, secretario da Esquerda Republicana e dirixente da Fronte Popular na vila sonense; detido e enviado ao cárcere. José Roura Martínez, con destino na Escola do Pósito de Portosín, suspendido de emprego e soldo, o mesmo que José Rego Brión, que estaba destinado en Queiruga.

Antonio Rodríguez Pazos, mestre en Nebra, que o 13 de novembro de 1936 fora nomeado alcalde-delegado civil, pero a Comisión Depuradora remitiulle prego de cargos en febreiro de 1937 o mesmo que a Fernando Fariña Barros, que exercía na Escola de Nenos de Porto do Son, Josefa Morales Gaciño, mestra en Resúa-Nebra; Cipriano Parada Maneiro, destinado na parroquia de Caamaño, e Manuel Sampedro Ventoso, inhabilitado por un ano. A represión tamén afectou a Antonio Brión Romero, alumno da Escola de Maxisterio, de quen se solicitaron informes de conduta.

Fernando Fariña, cos seus alumnos, na Escola de Nenos de Porto do Son