Balbino González: «É desde a política desde onde se poden cambiar as cousas»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

Leva «toda a vida» militando no BNG de Porto do Son e agora encabeza a súa candidatura

11 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de ter unha ampla experiencia vital e ser un home de partido, Balbino González concorre por primeira vez ás eleccións municipais liderando a candidatura do BNG de Porto do Son. Faino, asegura, porque cre que pode axudar a que as cousas melloren para os seus veciños e con esa idea loitará pola alcaldía.

-Hai incerteza no BNG de cara ao 26M polo cambio de candidato?

-Non, creo que a xente está respondendo moi ben. Hai un cambio de candidato, e ademais Ánxela é unha muller dunha valía excepcional, pero leva xa uns anos e hai que renovar un pouco a lista e o proxecto, aportar cousas novas ao programa. Teño 64 anos e todo o mundo sabe quen son na vila do Son e creo que iso é bo, teño a desvantaxe de que nas parroquias non se me coñece tanto, pero para iso estiven reuníndome con distintos colectivos e comunidades de montes nas últimas semanas.

-Está xa xubilado. Por que se decidiu a encabezar a candidatura agora que podía vivir tranquilamente?

-Levo moitos anos militando no BNG, son da vella garda, e agora estou nunha etapa da miña vida na que as miñas necesidades e as da miña familia están cubertas, e penso que podo botarlle unha man aos meus veciños porque vexo que o pobo ten que mellorar. Dei o paso porque é desde a política desde onde se poden cambiar as cousas, e hai proxectos que sempre tiven na cabeza.

-Que ideas ten para o municipio?

-Porto do Son é un pobo deprimido, está parado, morto. Pechan as tendas, incluso os bares, e perdemos moitísima poboación. A isto hai que darlle a volta. O noso programa estruturase en catro piares básicos: o fomento do emprego, a través dun centro de formación para a xente moza e o apoio ao comercio local e a hostalería; potenciar o turismo, porque non hai infraestruturas para que exista un turismo de calidade que deixe cartos no concello; a conxelación e redución de impostos; e a política enerxética. Presentamos proxectos que xa temos estudados nestes ámbitos para non prometer algo que non sexamos capaces de cumprir, porque iso sería repetir o que veu pasando ata agora con este goberno.