Poesía, emoción e polémica nos actos do Día da República

Concorrido homenaxe no Confurco e críticas do PP de A Pobra por unha bandeira colgada na porta dun inmoble oficial


Os actos organizados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza para celebrar o Día da República concluíron onte ao mediodía coa celebración dunha emotiva homenaxe aos caídos na defensa do sistema de goberno instaurado democraticamente no 1931.

O Confurco é a referencia dos republicanos barbanceses, porque nese lugar foron arroxadas vítimas e producíronse asasinatos, e nel atópase un monumento na súa honra, no que unha placa recorda: «O Confurco converteuse nun dos símbolos máis arrepiantes da represión franquista. Este monumento lembra as persoas que sacrificaron a súa vida pola democracia, a xustiza social e a liberdade». Fronte ao mesmo léronse poesías, houbo momentos de emoción e cantouse o himno galego.

Pechaba así unha fin de semana na que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza elixiu a vila de A Pobra para desenvolver as actividades arredor da república, consistentes en manifestacións artísticas e musicais, unha mesa redonda e unha cea.

Indignación do PP

Precisamente, o Partido Popular de A Pobra expresou a súa indignación co goberno local por permitir colgar unha bandeira republicana nun edificio público, tendo en conta que é un símbolo non oficial e, polo tanto, considera que o executivo liderado por Xosé Lois Piñeiro, Nós Pobra, contraveu e ignorou a lexislación actual.

O portavoz e candidato popular á alcaldía pobrense, Manuel Durán, fixo pública a súa sorpresa e rexeitamento pola permisividade do goberno municipal á hora de consentir que un símbolo non oficial permanecese nun inmoble público. Os conservadores consideran que o feito é un novo exemplo do «modus operandi de este gobierno, que permite que se incumpla la ley de símbolos en instalaciones públicas, saltándose la legalidad vigente», concretou o seu voceiro.

A bandeira foi colocada na tarde do sábado, na entrada da Casa de Cultura Raquel Soler, en cuxo interior tiña lugar unha mesa redonda sobre a transición española, dentro das conmemoracións do Día da República. Fontes consultadas sinalaron que non se pode concluír que o símbolo fose izado, máis ben quedou colgado nunha porta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Poesía, emoción e polémica nos actos do Día da República