Jesús Busto: «O fin é que ningunha familia careza de recursos para vivir dignamente»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

A VIVA VOZ | A entidade que dirixe, a Fundación Amigos de Galicia, prestou o ano pasado axuda a 37.800 persoas, das que 14.000 eran nenos

05 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que iniciou a súa andaina, hai máis de tres décadas, con fins culturais e gastronómicos, a Fundación Amigos de Galicia é hoxe unha das organizacións máis importantes da comunidade no que á loita contra a pobreza se refire. Desenvolve a súa actividade en colaboración cos departamentos de Servizos Sociais dos concellos cos que ten asinado un convenio, co fin de determinar así cales son os destinatarios das axudas que presta, que se orientan fundamentalmente cara o reparto de alimentos e cara a formación. Jesús Busto foi un dos fundadores desta entidade que presidiu no pasado e na que agora exerce de director.

-¿Como foi ese xiro que deu a fundación en canto aos seus obxectivos?

-Fundei esta entidade xunto co finado de Amadeo Campos tomando como referencia unha organización de carácter cultural e gastronómico que existía en Bilbao, de onde eu viña. Co tempo tomamos a decisión de que xuntarnos só para comer non tiña demasiado sentido, sobre todo cando había tanta necesidade ao noso redor, polo que decidimos axudar ao próximo.

-¿Como foi o proceso de expansión da entidade polo territorio galego?

-Tiñamos restaurantes e persoas a título individual que eran socios desde aquela primeira etapa, polo que foi relativamente doada a expansión. A partir de aí, a sinatura de convenios cos concellos é para nós o eixo fundamental. Nestes momentos colaboran coa entidade concellos das catro provincias, case 60 en total, entre os que se atopan os de Rianxo, Ribeira, Porto do Son, A Pobra, Carballo, Val do Dubra, A Baña e Cerceda.

-¿Como desenvolve a súa actividade a fundación?

-Os departamentos de Servizos Sociais son os que nos derivan as familias que precisan axuda, e nós, tódolos meses, cubrimos as súas necesidades, tanto de alimentos como de roupa e outros produtos. A maiores, organizamos cursos de formación, co fin de favorecer a inserción laboral, sempre tendo en conta o tecido empresarial de cada zona. Os que están enfocados ao eido da conserva funcionan moi ben e teñen un nivel de inserción importante.

-¿A cantas familia chega actualmente a axuda de Amigos de Galicia?

-No 2018 chegamos a 37.800 persoas, das que máis de 14.000 eran nenos. Entre os datos máis destacables dese exercicio pasado están os 90.500 euros que entregamos en vestimenta e calzado ou os alimentos que repartimos, cun valor superior a 1,3 millóns de euros.

-Pode dicirse entón que a fundación ten un papel fundamental na loita contra a pobreza...

-O certo é que cada vez tratamos de abarcar un radio maior, pois o fin é que ningunha familia careza de recursos para vivir dignamente. Tamén tratamos de ir paulatinamente aumentando os colectivos que son susceptibles de axuda. Incorporamos, por exemplo, ás mulleres vítimas da violencia de xénero, pois boa parte delas teñen fillos ao seu cargo.

-¿De onde obteñen os fondos?

-De fondos europeos, da Xunta, das deputacións e dos concellos, pero para nós é fundamental a axuda das empresas. Ramiro Carregal, o noso presidente de honra, é dun dos grades colaboradores da entidade. Neste intres temos tamén máis dun millar de socios que achegan fondos e tamén percibimos donativos da sociedade en xeral.

-¿Cal á a tendencia actual, aumentan ou diminúen os casos de pobreza?

-Houbo un pico na época dura da crise, alá polo 2010, pero levamos uns anos experimentando un lixeiro descenso. O que ocorre é que hai sobre cen mil persoas en Galicia que teñen moi difícil a inserción laboral e, polo tanto, poucas posibilidades de saír do pozo.

-O futuro pasa entón por impulsar a formación...

-Si, de feito nós abrimos varias oficinas dedicadas en exclusiva a cuestións vinculadas ao emprego. Non é bo que a xente se afaga a vivir das axudas, o obxectivo é que todo o mundo poida sobrevivir co seu salario.

-¿Cal é para vostede a recompensa a este esforzo?

-É unha recompensa persoal. Hai 30 anos eu xa sabía cara onde camiñabamos e incluso vexo que o futuro será peor. As Administracións son incapaces de chegar a todas partes, de cubrir tódalas necesidades e aí é onde se ten que implicar a sociedade. As entidades chamadas o cuarto sector son fundamentais e seguirán a selo no futuro.