Luis Oujo: «Son os veciños os que deben poñer ou sacar a un candidato, non o partido»

O representante político asegura que as eleccións gáñanse estando coa xente durante os catro anos de mandato


ribeira / la voz

Dende hai catro anos, o alcalde sonense Luis Oujo Pouso (Porto do Son, 1969) é o responsable comarcal do PP, o que lle permite coñecer de primeira man a situación de cada unha das agrupacións locais do partido. Ao mesmo tempo, nos comicios de maio Luis Oujo intentará revalidar a alcaldía por terceira vez.

-Como afronta o partido os comicios locais?

-Con forza e gañas; cun proxecto claro e firme para seguir mellorando a bisbarra. Traballamos para que os veciños volvan confiar en nós. Creo que se fixeron cousas importantes durante este período.

-Pode influír o feito de que só cun mes de diferenza teñan lugar dúas citas electorais?

-Non podemos cansar á xente e hai que facer un bo traballo para que acudan a votar en ambas citas. A participación é o máis importante, calquera que sexa a alternativa elixida.

-A nivel local. Como afronta o PP a fragmentación nun bastión tan importante para o partido como Ribeira, materializada coa presentación dunha candidatura liderada por exconcelleiros?

-O partido intentou reconducir a situación e fixéronse varias reunións, pero existen diferenzas insuperables. Non pode dinamitarse un partido dende dentro. Cando alguén decide dar un paso ao lado ten que apartarse. Son os veciños os que deben poñer ou sacar a un candidato, non o partido. Por outra banda, Manuel Ruiz demostrou nestes catro anos de mandato en minoría o seu talante para chegar a acordos coa oposición que permitisen traballar polo municipio. A min pasoume algo parecido, e que alguén intente complicar o teu traballo fai todo máis difícil.

-En Mazaricos non atopan candidato, algo fixeron mal no relevo de José Santos Maneiro?

-Estou seguro de que o PP vai recuperar a maioría en Mazaricos. O importante é a recomposición do partido. Está claro que algo non se fixo ben e que iso favoreceu que o BNG acadara a maioría absoluta tras cinco mandatos de goberno de Santos Maneiro. Sen embargo, a dirección provincial ten xa conversacións moi avanzadas e nos vindeiros días nomearase ao candidato.

-Imaxino que tamén teñen a mirada posta en Outes, onde hai un cambio de cabeza de lista.

-Carlos López Crespo era un referente a nivel comarcal, provincial e autonómico, pero Beatriz Molinos está a facer un gran traballo xunto a un equipo moi bo. Non imos telo doado en ningún concello. As eleccións gáñanse en catro anos, estando cos veciños e xestionando; que vexan que fas un esforzo para resolver os seus problemas.

-Cada elección e distinta, pero supoño que quererán evitar que se repitan situacións como as de Muros ou A Pobra, onde foron a forza máis votada e quedáronse na oposición.

-Non podemos relaxarnos en ningún caso. O PP pode gañar, pero senón consegue a maioría suficiente non goberna. Temos que gobernar cos nosos votos.

-E xa que andamos a repasar a situación do Partido Popular na bisbarra, como ve as cousas no seu concello?

-Creo que logramos cousas importantes que levaban demandándose hai moitos anos, como a ludoteca, a piscina ou o PXOM. Sen embargo, hai que continuar esforzándose e traballando. Os veciños deben decidir se a nosa xestión merece recibir de novo o respaldo nos comicios de maio. Eu quero que Porto do Son sexa un concello de oportunidades. Xestionar un municipio coma este, con tanta dispersión xeográfica, non é sinxelo.

-Haberá moitos cambios no equipo que o acompañe?

-Nun 80 % imos ser os mesmos integrantes, porque sen este equipo non teríamos sido capaces de conseguir todo o que logramos. Somos un grupo unido. Aínda que si haberá algunha incorporación nas listas.

«As cousas pequenas son as que máis preocupan»

Tras un primeiro mandato en minoría, Luis Oujo acadou nas eleccións do 2015 o respaldo suficiente para gobernar. Nesta oportunidade parece que o abanico de alternativas políticas pode ampliarse en Porto do Son.

-Ciudadanos manifestou que ampliará as súas candidaturas a Porto do Son e A Pobra, pode ser un aliado no caso de non obter a maioría?

-Eu transmitirei á xente que a alternativa é o PP. Eu sabía que Ciudadanos busca candidato en Porto do Son e que teñen un coordinador local, pero unha cousa é dicir que se van presentar e outra facelo. Un partido debe ter un proxecto e buscar a súa xente. O que nós temos que facerlle ver aos veciños é que se non hai voto, non conta.

-A nivel xeral, que valoración fai da oposición feita polo Partido Popular na bisbarra?

-A xente vai valorar o que fixemos na oposición para fiscalizar o traballo do goberno. Creo que nestes catro anos os veciños souberon apreciar a diferenza de que goberne o PP a que non o faga. Un goberno ten que sacar as cousas adiante, xestionar e atender as demandas dos cidadáns, que piden melloras no día a día, non obras faraónicas. As cousas pequenas son as que máis preocupan. Eu é o que percibo cando vou ás parroquias manter contactos cos residentes.

-Percibe cansazo na poboación no que respecta á política?

-Creo que houbo momentos peores. Eu percibín máis crispación hai catro anos. Sen embargo, recoñezo que ser político neste momento non resulta doado. O máis importante dos partidos son as persoas. Si é certo que ás veces resulta complicado conseguir a implicación política da xente.

-Conseguir unha maioría absoluta é cada vez máis difícil?

-Resulta complicado, por iso digo que as eleccións non se gañan durante a campaña, senón co labor feito durante catro anos. Nós estamos preparados desde o primeiro minuto e agardo que os cidadáns teñan en conta o traballo que viñemos facendo durante todo este tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Luis Oujo: «Son os veciños os que deben poñer ou sacar a un candidato, non o partido»