Óscar Cea: «Non nos cegamos nun só estilo»

PORTO DO SON

MARCOS CREO

O técnico chegou ao Aguiño cadete na metade da pasada campaña

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala súa chegada na metade da tempada pasada, Óscar Cea (Calo, 1987) afronta este curso o seu segundo ano completo co Aguiño cadete. Defensor de que o fútbol base pasa por formar e non só gañar, foi quen de confeccionar un bloque sólido, ademais de inculcarlle aos nenos a paixón que el sente polo deporte rei.

-¿Como valora a tempada?

-Positiva. A idea que tiñamos era que os rapaces estiveran contentos, que progresaran. Creo que o conseguimos. Non fallan a adestrar, queren aprender e intentan facelo o mellor posible.

-A nivel de puntos tampouco pode queixarse: Están na allada.

-Non é o máis importante. Non planificamos o ano a nivel de clasificación ou de resultados. Queremos que os mozos veñan con ganas de xogar e que plasmen no campo o que buscamos.

-¿Que perseguen?

-Non nos cegamos nun só estilo, queremos que collan pinceladas de todos para que no futuro poidan ter máis recursos. Agora a moda é o fútbol combinado, pero eu considero que están en idade de aprender máis cousas. Gústanos defender en campo contrario e xogar o balón rápido, pero tamén repregarnos en campo propio e saír ao contragolpe. E iso esixe aprender diferentes movementos.

-Á larga será enriquecedor de cara outras categorías.

-Eu creo que si. Canto máis aprendan nestas idades, maior abanico de posibilidades terán cando sexan sénior.

-¿Que tal o nivel da vosa liga?

-Hai tres equipos moi bos, Porto do Son, Ribeira e Boiro. Encantáronme. Logo estamos o Dodro, o Carreira e nós, moi parellos. É unha competición moi bonita.

-¿Cal é a función do fútbol base?

-Enseñar, aprender, mellorar e divertirse.

-A maioría só pensa en gañar.

-Creo que lles pasa a moitos. Só pensan no seu propio beneficio e non nos 14 ou 16 rapaces que teñen no equipo.