Andrés Lijó: «Hai que tirar entre todos do carro»

PORTO DO SON

DANI GESTOSO

Tras un ano para enmarcar que rematou co ascenso a Segunda Galicia, o técnico busca manter a regularidade

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Lijó (Porto do Son, 1978) afronta o reto de manter a categoría co Baroña. Tras un ano para enmarcar que rematou co ascenso a Segunda Galicia, o técnico busca manter a regularidade cun equipo que foi quen de poñer contra as cordas aos mellores conxuntos da categoría.

-¿Como valora a campaña?

-O certo é que comezamos mal, con dúbidas. Remediámolo cunha fase boa, aínda que, ata que conseguimos este domingo a vitoria, levábamos unha racha de 3 puntos de 30. O noso sitio é ese, sextos ou sétimos pola cola. Estamos vivos, tivemos unha boa marxe e amola non mantela.

-¿Custou a adaptación?

-Cando gañamos ao Taragoña parecía que todo era moi fácil, pero os equipos de abaixo están sumando moito e reforzándose. Quedan dez xornadas e temos que pelexar a tope.

-¿Como ve o nivel da liga?

-É superior que a do ano pasado. Menos o Brión, que está descolgado, o resto loitará ata o final. Hai varios grupos definidos, pero os equipos están moi pegados. Trala derrota do Ribeira, incluso o liderado se pon interesante.

-Parece o firme candidato a subir de categoría.

-O Ribeira é o principal, pero o Cacheiras é tamén moi bo equipo, pero fallou en partidos na casa contra rivais da parte baixa.

-¿Cal é o seu fútbol?

-Cando comecei nisto gustábame saír dende atrás, pero iso depende da xente que teñas no vestiario. Agora co Baroña tratamos de arrouparnos atrás e aproveitar a xente rápida que temos arriba. Na casa somos máis ofensivos, gústanos mesturar. Podemos presionar arriba tamén. Manexamos ben as dúas fases, a ofensiva e a defensiva. O que non podemos é cometer perdas parvas no medio, porque iso custa moito.

-¿Que tal respondeu o equipo?

-É a mesma base que a do ano pasado. Sumamos a Magariños e a Luis para a segunda volta e xa están aportando. Lesionouse Sergio, o líder, polo que hai que tirar entre todos do carro.