«Todos collemos no mar, pero non queren que entremos todos»

A falta de cotas é unha das maiores preocupacións do dirixente, que pide que o sector poida vivir da actividade


Ribeira / la voz

Colleu as rendas da confraría de Portosín a comezos do 2015, trala renuncia do que fora elixido patrón maior, e nos comicios do setembro pasado tampouco presentou candidatura. Sen embargo, chegado o momento de escoller ao responsable, e dado que non había ningún aspirante, Iván Carreño Otero decidiu postularse para continuar á fronte.

Membro dunha ampla familia cunha longa tradición pesqueira, Carreño soubo dende pequeno cal sería o seu oficio. Iniciou os estudos de patrón de altura, pero despois acabou sacando o título de capitán de pesca e cabotaxe.

-¿A falta de cota está a producir baixas na flota de Portosín?

-O número de embarcacións estase a manter, incluso gañamos algunha nova, pero noutras localidades próximas isto si está a pasar factura. É unha situación moi complicada. ¿Como pode haber sardiña no mar e que non me deixen collela?. Se hai mal tempo non podemos saír de monte Louro para fóra, pero se nos deixaran traballar na ría poderiamos traer un xornal e ir tirando, porque a sardiña métese dentro. Pasa igual noutros lados. Estiven na ría de Marín indo á anchoa e víase sardiña. É certo que non sempre a hai, tampouco hai sempre xurelos ou xarda. Algunhas cousas son inexplicables. En Portosín temos barcos novos, feitos con axudas da Unión Europea, que non teñen cota porque a perderon ao despezar as embarcacións antigas.

-Moitos profesionais afirman que estas medidas perseguen o desmantelamento da flota.

-Todos collemos no mar, pero non queren que entremos todos. Sempre se viviu do mar. Antes ían 30 homes en cada barco, agora van 10 ou 12. Hai peixes, pero ás veces largas a rede e non colles nada. A idea que teñen é que somos moitos. Tamén hai que pensar, por exemplo, cando vén o verdel, que come moito peixe pequeno. Se non lle cortamos as portas un pouco acaba con todo.

-¿Cal é a solución?

-O que pedimos é un reparto xusto de cotas, que un barco poida sosterse ao longo do ano. O xusto sería que todo o mundo poida saír ao mar e traer algo. Antes tiñamos seis mil quilos de xurelo diarios, agora non hai ningún barco que poida traer esa cantidade. ¿Onde están eses quilos? Eu teño 160.000 quilos para todo o ano, toca a menos de 500 diarios.

-Devólvolle a pregunta, ¿onde están eses quilos?

-Eu non o sei. O xurelo é o principal motor de Galicia. O recurso dos barcos do cerco durante todo o ano é a captura deste peixe, pero o bo sería poder repartir o esforzo pesqueiro entre distintas especies. Así imos todos ao mesmo e xa se sabe o que pasa cos mercados e cos prezos cando hai demasiada cantidade dun produto concreto. Eu teño levado a biólogos no barco para que viran lances de sardiñas.

-Fálase moito da defensa da pesca artesanal, pero o certo é que as políticas impostas desde a UE indican o contrario.

-Parece que o propósito é que as embarcacións pequenas desaparezan en favor dos buques industriais, poñer factorías flotantes no mar. Para Noruega estanse a facer barcos inmensos. ¿Como é iso posible? ¿Se nós non podemos manter un barco cunha ducia de homes, como poden eles mantelos con 50 ou 60 se os recursos son os mesmos? ¿Cantas toneladas de xarda hai nas illas Feroe?. Galicia debe ter unha cota maior porque somos máis barcos. Temos menos cantidade que o País Vasco e Santander, pese a ter menos embarcacións ca nós. Considero que isto débese todo a unha cuestión política.

«O peirao queda pequeno para o volume de barcos»

O patrón maior sabe ben da importancia da confraría de Portosín, que ten unha das flotas do cerco máis importantes de Galicia. Por iso, considera que os servizos dos traballadores do mar deben estar en consonancia.

-¿Cales son as súas demandas a nivel de infraestruturas?

-O peirao queda pequeno para o volume de barcos. Agora hai pouca cota e moitas embarcacións recalan en Portosín. Hai un mes debíamos ser 40. É necesario facer unha ampliación cara ao espigón, de entre 50 e 100 metros, para que a flota poida estar toda á fila.

-¿A falta de espazo implica moitos contratempos?

-Hai xente que vén de luns a venres e queda a durmir nas embarcacións, e para acceder dun pesqueiro a outro teñen que saltar, iso é un perigo e, ademais, resulta moi incómodo. Por outra banda, tamén precisamos o dragado do peirao. Na zona á que imos botar gasóleo hai moi pouca profundidade. Xa solicitei unha reunión coa conselleira do Mar para tratar estes asuntos.

-¿E en canto a servizos?

-Resulta moi necesario mellorar a nave de redeiras. Os barcos de antes tiñan 14 ou 15 metros, pero agora son de 23 ou 24. A rede ocupa moito espazo e as dimensións do recinto no que se reparan os aparellos é insuficiente. As encargadas de facer ese labor teñen que estar fóra, á choiva ou soportando o calor. Consideramos que habería que buscar unha alternativa para que as redeiras non se vexan obrigadas a levar a cabo a súa tarefa nesas condicións. Hai que dicir que levamos moito tempo sen que se faga unha inversión no peirao e agora faise moi necesaria. Eu agardo que a Administración autonómica atenda as nosas demandas e confío en poder tratalas en breve coa conselleira. Tampouco estaría de máis a ampliación da zona na que se leva a cabo o lavado de caixas, aínda que este é un aspecto secundario. O prioritario é dispoñer de espazo suficiente para que as embarcacións poidan estar á fila e o dragado, porque coa sedimentación a situación empeora cada vez máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Todos collemos no mar, pero non queren que entremos todos»