Emilio Queiruga: «Debemos lograr que os barcos de artes menores vendan na lonxa»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Membro dunha familia de mariñeiros, comezou a traballar con 13 anos e coñece cales son as necesidades do sector

01 nov 2018 . Actualizado a las 20:25 h.

Pese a que leva moitos anos vinculado ao mar e a que, explica, en tres ocasións foi o socio da confraría que máis apoio tivo para converterse en patrón maior, non foi ata as eleccións do 29 de setembro cando Emilio Queiruga Santamaría decidiu aceptar o cargo. Afirma que é moita responsabilidade e que lle vai resultar difícil conciliar o traballo e o seu novo cargo coa súa vida familiar: «Hai días nos que penso: vaia enredo no que me metín».

-A confraría atravesou por momentos económicos difíciles. Manter o actual nivel de ingresos é unha das prioridades?

-A entrada dos barcos do cerco supuxo unha importante inxección económica. Pasamos dos 300.000 euros a superar o millón de euros en vendas. Nós dependemos moito do polbo. Na actualidade temos dous cerqueiros con autorización provisional e a nosa intención é proporcionarlles os servizos que precisan. Non nos metemos aquí para xerar cartos, pero está claro que cos ingresos que obtemos podemos facer moitas cousas.

-Non pensan en ampliar o número de embarcacións que operan no peirao?

-Debemos lograr que barcos de artes menores vendan na lonxa. A maioría comercializan os seus produtos en Ribeira porque hai máis compradores e o prezo que se paga pola mercadoría é moito maior. Podo poñer un exemplo coa navalla. Primeiro poxábase aquí, pero tivemos que ir a Santa Uxía porque os compradores non acudían a Porto do Son e, se o facían, viñan coa rebaixa dos prezos. O problema é que do que se comercializa fóra recibimos un retorno do 1 %, salvo no caso do percebe, e iso afecta ás contas. Eu teño que buscar o mellor para os socios e temos que mirar onde acada máis valor o peixe.

-Poderán darlle cabida a máis barcos do cerco?

-Viñeron uns do País Vasco, pero só estiveron un día. O peirao sonense queda pequeno e precisamos máis calado. Estamos a xestionar unha reordenación. A nosa intención é que se constrúa un peirao de atraque e facer un cambio na instalación de pantaláns para que os cerqueiros dispoñan de maior espazo. Temos outro contratempo, que é a falla de calado. Ademais, hai unhas pedras que obrigan aos cerqueiros a entrar moi arrimados á punta do peirao. Eles xa nos advertiron de que calquera día pode producirse un incidente.

-Pero hai interese?

-Si, hai barcos do cerco de Ribeira e Aguiño que pediron amarrar aquí. Tamén poderían facelo outras embarcacións da Costa da Morte cando se atopen traballando na zona. Ademais, este porto é moi bo neste sentido porque os barcos saen directamente ao mar e a unha zona de pesca, non teñen que desprazarse.

as novas confrarías

«Os mozos ven na pesca unha alternativa»

Na súa chegada ao cargo tivo unha madriña de excepción: a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que acudiu para animalo na etapa que acaba de iniciar.

-Aproveitou o almorzo con Rosa Quintana para facer demandas?

-Estoulle moi agradecido pola deferencia de vir e polo apoio que me amosou, pero claro que aproveitei para facer algunha solicitude. Unha das prioridades é a eliminación das pedras na entrada ao peirao. Xa se fixo no pasado unha actuación, pero non é suficiente.

-Outra das carencias do porto é a falla de servizos.

-Para os barcos do cerco si que temos algunhas carencias, pero estamos intentando arranxalas. Por exemplo, non temos fábrica de xeo. Agora o que imos instalar é unha máquina de máis capacidade. Moitas veces tiñan que ir a Muros para collelo. Somos conscientes das nosas limitacións, por iso queremos realizar un esforzo. Os dous cerqueiros que atracan e venden aquí teñen permiso provisional, pero estase a traballar para lograr o definitivo.

-Cos problemas que hai no sector do mar, os mozos están interesados na actividade?

-Os mozos ven na pesca unha alternativa. O que hai que facer é formalos. Nós temos armadores novos, xente que colle o relevo porque seus pais se xubilan. Considero que hai un interese por parte da mocidade e incluso observo que lles gusta. Iso si, a formación é un dos aspectos claves. Neste sentido, agardo poder conseguir o apoio da Administración para levar a cabo actividades na entidade.