Os talentos que agochaba Porto do Son

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Unha exposición colectiva montada en Xuño destapou creadores pouco coñecidos

30 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Barbanza é terra de artistas é unha afirmación que non deixar lugar a dúbidas, pero de seguro que aínda queda moito talento por descubrir. Sen ir máis lonxe, una exposición colectiva que está a piques de rematar na casa de cultura de Xuño puxo ao descuberto tesouros creativos dos que poucos coñecían a súa existencia. Tal foi a expectación que espertou a mostra, á que achegaron os seus traballos unha ducia de creadores, que o alcalde, Luis Oujo, decidiu que tiña que ser exhibida tamén no edificio cultural de Porto do Son, a onde será trasladada nos vindeiros días.

Pepe Vila levou a cabo unha auténtica investigación para sacar á luz estes talentos: «Quería poñer en valor a arte que se fai en Porto do Son e empecei a preguntar. Descubrín que no municipio hai un colectivo moi importante de creadores e moitos deles pasan inadvertidos, aínda que os traballos que fan son espectaculares, tal e como quedou demostrado na exposición colectiva».

Chamaron moito a atención as tallas que achega a esta mostra a parella formada por José Manuel Riveiro e Ruth González. Desde hai pouco máis de medio ano, estes veciños de Seráns danlle forma a anacos de madeira que atopan na praia ou troncos que tiñan o lume como destino. O resultado é unha ampla serie de animais de diferentes tamaños. Incluso os hai tan pequenos que son incrustados en aneis. O dúo mesmo creou uns seres máxicos, aos que bautizou como Tahumis.

«Levo moitos anos criando canarios e mesmo participando en certames. Foi a partir desta afección cando se me dou por probar coas tallas», explica José Manuel Riveiro. Aínda que polo de agora crea para agasallar a amigos e familiares, non descarta no futuro ter na artesanía o seu camiño laboral: «Si que me gustaría, aínda que polo de agora estou experimentando».

José Manuel Riveiro é un dos máis claros exemplos dos creadores que permanecían agochados en Porto do Son: «Teño veciños que non saben esta faceta miña, polo que esta exposición que montou Pepe Vila deume a oportunidade de amosala. A verdade é que fixo un traballo moi importante e a min permitiume perder o medo a amosar os meus traballos». El está moi satisfeito co resultado: «Á xente gustáronlle as obras, sobre todo aos nenos, e iso é moi satisfactorio».

Achegas pictóricas

Silvia Fariña e Pili Sampedro achegan o seu grao de area á mostra colectiva en forma de cadros. As dúas son de Xuño. A segunda non dubida en cualificar a idea de Pepe Vila de fantástica: «Ademais de permitir amosarlle ao público os nosos traballos, esta iniciativa deunos aos artistas a posibilidade de coñecernos e poder así enriquecernos uns dos outros. Eu por exemplo non tiña contacto con case ningún dos compañeiros».

Pili Sampedro asina catro cadros abstractos. A tres deles deulles forma cando estaba cursando o último ano da carreira de Belas Artes, que culminou especializándose en pintura e en escultura. É unha artista pouco coñecida na comarca, aínda que o seu nome xa estivo presente na relación de participantes dunha exposición colectiva organizada por Barbantia.

Da man de Mariví Santos, ven a luz na exposición forxada en Xuño traballos realizados por un nutrido grupo de veciños, concretamente os seus alumnos das clases de palillos. Hai oito cadros de figuras humanas feitas con encaixe e unha vitrina chea de complementos que van desde broches ata tocados, pasando por pulseiras. A mestra cualifica de estupenda a idea de Pepe Vila e non dubida en animalo para que a repita no futuro: «Estaría xenial que pasara a ser unha exposición de carácter anual. Seguro que se irían sumando moitos outros creadores».