Lembrando aos mártires de Cans

Cinco veciños morreron defendendo a xustiza


A memoria é moi fráxil, e os últimos acontecementos arredor de Cataluña non fan máis que confirmalo. Aínda viven moitas persoas que sufriron a guerra fratricida entre as dúas Españas que ven aterradas as mensaxes de odio que se veñen cruzando nas últimas semanas. Dicía hai uns días un coñecido político que é perigoso esquecer a historia porque iso pode provocar que se repita. O que ocorre é que, a miúdo, a memoria doutros tempos depende máis duns cantos que poñen a súa vontade en manter vivo o recordo de feitos e de persoas anónimas que as autoridades esquecen. Vén isto ao fío, non de Cataluña, aínda tamén podería aplicarse, senón da proximidade dun novo aniversario dos tráxicos acontecementos que tiveron lugar na parroquia sonense de Nebra e que converteron en mártires involuntarios a cinco veciños de Cans.

Esas cinco persoas, Antonio Sobrado, Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Maneiro, morreron defendendo a xustiza o 12 de outubro de 1916. Non a xustiza con maiúsculas, a dos tribunais e dos despachos, senón a de a pé, a que loita dende a base contra os abusos dos que están por riba. Protestaban, xunto a moitos outros veciños de Nebra que tiveron máis sorte e saíron daquela, contra un imposto que consideraban inxusto e contra o embargo que pretendía aplicarse a aqueles que non cumpriran co pago. Defendían ese ben común co que tantos enchen a boca cando falan. Pero tivo que ser a iniciativa veciñal, da familia Do Martelo principalmente, a que rescatara o seu caso do esquecemento no que os sumiu a historia, polo xeral, escrita polos vencedores, que non teñen demasiado interese en deixar constancia de pasaxes que poidan deixalos en mal lugar nun futuro.

As autoridades, esas que deberían salvagardar o recordo do pasado, aínda que só sexa para non pisar o camiño xa andando e repetir erros xa superados, obviáronos, e ten que ser o labor dunhas persoas que se negan a que os mártires de Nebra acaben convertidos nunha simple anécdota os que dean conta do que pasou aquel 12 de outubro, da repercusión que tivo en toda Galicia e das súas consecuencias. Tiveron que ser eles os que puxeran en marcha as homenaxes que cada ano se suceden na ponte de Cans.

Eses cinco veciños convertéronse en heroes un 12 de outubro, Día da Hispanidade, casualmente, o que demostra que é absurdo que algo ou alguén se apropie dunha data, dunha bandeira ou dun sentimento. Cada cousa ten o valor que ten para cada un, o 12 de outubro non significa o mesmo para quen é de Nebra que para alguén que vive en Madrid, ou en Bolivia, poñamos por caso. E ninguén ten dereito a odiar ao outro por ese motivo.

Autor Marta Gómez CIUDADANA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Lembrando aos mártires de Cans