A raíña dos mariñeiros chega ao Son para ledicia da vila

PORTO DO SON

Fran Brea

A procesión marítima, a sardiñada popular e a festa da auga serán os pratos fortes dunha arraigada celebración

07 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As Festas do Carmen comezan hoxe en Porto do Son para ledicia desta poboación mariñeira. Loxicamente, a raíña dos mares será a gran aclamada, aínda que terá que compartir papel protagonista con tódalas actividades que a comisión de festas pechou para esta edición. A tradicional procesión marítima, a sardiñada popular na capela de O Loreto e a festa da auga serán só algúns dos seus pratos fortes.

Os festexos comezarán esta mañá co grupo de gaitas Rumbía, que percorrerá as rúas do centro da vila pola mañá. Parará na praza de España, onde dará un pequeno concerto para tódolos veciños. Á noite, a verbena tomará o protagonismo. Na zona portuaria actuará a orquestra Ciudad Cristal e no centro, o grupo Ciclón.

Para mañá, día dedicado á Virxe do Carme, Rumbía e a agrupación musical Virxe da Amargura de Ferrol porán as sintonías antes de que ás 10.30 horas saía a santa dende a capela da Atalaia ata a explanada portuaria, onde se celebrará a misa ás 11.00.