O vicepresidente provincial Xosé Regueira destacou en Outes o potencial turístico do territorio
OUTES

Visitou o Asteleiro de Ciprián, convertido en espazo museístico da carpintería de ribeira
08 feb 2024 . Actualizado a las 20:39 h.Nun encontro mantido en Outes ao que asistiron representantes do sector turístico e agroalimentario da contorna, o deputado provincial Xosé Regueira resaltou a necesidade de apostar por unha estratexia turística baseada na calidade e na sustentabilidade. Ao mesmo tempo, destacou o potencial que ten o territorio neste ámbito.
Acompañado pola tamén deputada Soledad Agra, o rexedor de Outes, Manuel González, e o tenente de alcalde, Anxo Núñez, o responsable de Turismo no ente provincial visitou o Asteleiro de Ciprián, convertido en espazo museístico da carpintería de ribeira. Destacou a calidade e riqueza paisaxística que ten a comarca, «con moitas opcións de ocio e gastronomía e, ademais, moi preto de cidades como Santiago ou A Coruña, que a converten nun destino moi atractivo para un turista internacional».
O vicepresidente tamén puxo en valor as oportunidades de espazos en entornos naturais como o do espazo museístico para dirixirse «a un perfil que valora a calidade e que deixa un impacto socioeconómico e medioambiental positivo na contorna». Para iso, Regueira afirmou que «debemos definir entre sector privado e Administracións públicas o tipo de turismo que queremos e en que mercados queremos emitir turismo».
No encontro no que o vicepresidente aproveitou para coñecer o proxecto de recuperación do asteleiro tamén se abordaron as posibilidades deste espazo como recurso de turismo industrial e tradicional: «Para poñer en valor a historia e memoria colectiva do territorio».