Francisco Calo: «Para xestionar e saber o que pasa en Outes hai que estar e vivir aquí, e o goberno non está»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez OUTES / LA VOZ

OUTES

MARCOS CREO

Acaba de aterrar na política municipal, pero o candidato do PP ten unha idea clara da pegada que quere deixar no Concello

18 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Quedan pouco máis de dous meses para as eleccións, unhas semanas que para algúns poden ser un mundo, pero para outros son un prazo de tempo curto, sobre todo para as novas caras que optarán ás alcaldías e que teñen o reto de darse a coñecer e formar equipos renovados para acadar os seus obxectivos na cita coas urnas de maio. É o caso de Francisco Calo (Outes, 1977), que se porá á fronte da candidatura dun PP de Outes que precisaba aire fresco e que parece ter atopado neste enxeñeiro técnico agrícola a persoa axeitada para tratar de recuperar o bastón de mando.

—Para os electores que aínda non o coñezan, como se definiría?

—Diría que son unha persoa humilde que vén a aportar o que sexa capaz para mellorar o seu concello. Nacín en Outes e sempre fixen vida aquí e creo que era o momento de dar un paso adiante para facer algo máis. Profesionalmente, son titulado en Enxeñería Técnica Agrícola e traballo como perito, e tamén son técnico superior en Produción Acuícola. A nivel técnico, teño coñecementos en dous dos principais ámbitos produtivos do municipio.

—Tiña algún tipo de vínculo coa política antes de asumir o compromiso de liderar a candidatura do PP de Outes?

—Ata o ano pasado, a miña vinculación coa política era a de espectador. Sempre me interesou como persoa preocupada polo que pasa e polo que pasará, e sempre me gustou estar informado do que ocorre, pero mantívenme un pouco á marxe ata agora. Sempre manifestei as miñas opinións e fixen as achegas que puiden a todos os gobernos de Outes, pero chegou o momento de ir un pouco máis alá.

—Que foi o que o impulsou a dar ese paso adiante?

—Foi unha mestura de varios factores. Unha vez que rematei a miña formación e estando xa integrado no mercado laboral, considerei que era o momento. Nacín en Outes, sempre vivín aquí e traballo aquí, e estando afincado no meu concello considerei que tocaba tomar partido, en parte por responsabilidade, porque non estou nada de acordo co que está a pasar en Outes. E, por outra parte, sempre fun unha persoa implicada, que aportou á comunidade, sempre estiven vinculado a actividades e colectivos, como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, e considerei que chegou o momento de facer algo máis dende o Concello.

—Como asume o reto?

—O que teño claro é que non é un reto persoal, senón colectivo. Estou aquí para aportar cousas e para mellorar Outes e a vida dos veciños, non teño a idea de perpetuarme na política municipal, cando deixe de poder aportar cousas ou deixe de ser a persoa idónea para defender os intereses do Concello darei un paso atrás.

—Dicía que non está de acordo co que está a pasar en Outes, que aspectos cre que hai que mellorar ou que considera que pode aportar vostede para cambiar as cousas?

—A este concello fáltalle comunicación coas demais Administracións, parece que está tirando practicamente en exclusiva do remanente de tesourería para facer cousas. E logo hai queixas reiteradas dos veciños de que non son escoitados, é o goberno da arrogancia, da imposición, cremos que hai que estar máis preto da xente. Un exemplo gráfico pode telo calquera persoa que saia a dar un paseo por Outes, é moito máis fácil que atope a un concelleiro do PP que a un do goberno, que a maioría nin viven en Outes nin fan vida aquí.

—Cre que é fundamental estar sobre o terreo?

—Sen dúbida. Para xestionar e saber o que pasa en Outes hai que estar e vivir aquí, e o goberno non está. É un executivo que nin vive en Outes nin sente Outes, e a min este tipo de cuestións non me sentan ben, e aos cidadáns tampouco. Considero que é imprescindible ter capacidade para escoitar aos veciños porque son a alma dun concello, ao final son eles os que fan propostas para mellorar o municipio.

—Que outras cuestións considera que é prioritario que cambien?

—A xestión económica é unha delas. Cos anteriores gobernos, os autónomos que traballaban para o Concello cobraban dentro dos prazos legais, e agora hai casos nos que se tarda máis de un ano en pagar facturas. Hai unha base económica de xestión que ten que ser seria e ten que ser rigorosa. Non pode ser que se anuncien investimentos de centos de miles de euros e non se paguen as facturas. Outro tema preocupante é o das subvencións que se perden por non presentar a documentación en tempo e forma. É unha xestión nefasta que a quen prexudica é aos veciños.

«O que buscamos é formar un equipo, un grupo de traballo forte e multidisciplinar»

Francisco Calo será a cabeza visible do PP de Outes, pero non estará só no reto de tratar de conseguir que o bastón de mando pase de novo a mans dos populares. O grupo que o acompañará na lista non está pechado aínda, pero o candidato ten unha idea clara do tipo de persoas que teñen cabida dentro do proxecto.

—Decidiu dar un paso adiante e situarse na primeira liña política, pero como chegou a ser o candidato do PP?

—A agrupación de Outes estaba en proceso de renovación e o meu compromiso desde o primeiro momento foi axudar onde consideraran que era necesario, onde puidera ser útil. A miña vinculación co PP comezou en maio do 2022 e en decembro encomendáronme a misión de ser o candidato. Síntome preparado e con forzas para asumir o reto.

—Quen o acompañará nesta andaina? Está pechada a candidatura?

—Non o está, e imos apurar os prazos todo o posible porque entrar en política require unha reflexión e esperaremos todo o posible para que todas as persoas que queiran entren no proxecto. A xente que se dedica a isto asume un compromiso desinteresado e hai que ter vocación de servizo público.

—Como quere que sexa a candidatura do PP de Outes?

—O que buscamos é formar un equipo, aquí non hai cabezas visibles, queremos crear un grupo de traballo forte e multidisciplinar.