Barbantia levou a Guerra de Sucesión contada por Hevia a Aguiño, e a Manuel Antonio a Outes da man de Losada

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

MARCOS CREO

A asociación cultural celebrou as presentacións literarias antes do parón estival

18 jun 2022 . Actualizado a las 21:08 h.

O conservatorio de Aguiño acolleu a presentación do libro O tesouro de Rande, de Alberto Hevia, organizada pola Asociación Cultural Barbantia. No acto estiveron presentes o autor, Xoán Pastor en representación co colectivo, a presidenta da asociación Francisco Lorenzo Mariño, Elvira Pisos, e a concelleira de Servizos Sociais de Ribeira, Ana Isabel Barreiro.

Abriu o acto Elvira Pisos para dar a benvida aos presentes. Proseguiu Xoán Pastor, que se encargou de presentar ao autor e a obra, «unha novela histórica do xornalista Alberto Hevia, un asturiano de Mieres, pero tamén un galego de vocación que estivo entre nós máis de 25 anos exercendo de corresponsal en Rianxo».

O texto de Hevia «recrea un feito ocorrido en 1702, na Guerra de Sucesión polo trono español, na ría de Vigo», explicou o coordinador de Barbantia, quen recordou que a batalla de Rande «foi algo máis que historia, foi tamén literatura xa dende 1702, a data dun poema, atribuído ao Padre Feixó, que hoxe se considera autoría do seu irmán Anselmo Feixó, e que está escrito en lingua galega, unha rareza na época».

Ben documentada

Da obra de Alberto Hevia destacou Xoán Pastor que está «moi documentada e nos axuda a situarnos mellor nunha época, a Guerra de Sucesión, e nuns espazos tan nosos como Rianxo, Sálvora e Ribeira». Porque o labor da novela é «ir más alá dos estritos datos históricos, dotándoos de vida, de carne e de sangue». Trala análise de Xoán Pastor, foi o propio Hevia quen debullou os detalles do seu texto.

E mentres en Aguiño se presentaba O tesouro de Rande, na casa da cultura de Outes estaba o rianxeiro Xosé Ricardo Losada para falar do seu libro O rosario e a buguina. A intención, como apuntou Xoán Mariño, presidente da asociación cultural Terra de Outes, era celebrar o acto o próximo venres, con motivo do centenario do manifesto Máis alá! do poeta Manuel Antonio e do coruñés Álvaro Cebreiro, pero ao ser un día festivo decidiuse adiantar a cita.  

Coa súa facilidade de palabra natural, Losada falou da súa novela, baseada precisamente no poeta Manuel Antonio e na relación coa súa nai e o conflito que deu pé á súa obra De catro a catro. Losada mantivo unha charla moi interesante con Ramón Blanco, que presentou o acto en representación de Terra de Outes, e tamén con Manuel Cartea, presidente de Barbantia.