Manuel López Rodríguez é un autor prolífico: entre o 2020 e o 2021 publicou cinco libros individuais e dous pequenos poemarios incluídos en volumes colectivos, demais de colaboracións para revistas e outros proxectos. Semellante volume de traballo non é casual, nin froito das musas: «A inspiración non existe. Existe o traballo. Existe deitarse ás tres da madrugada e erguerse ás cinco. Existe pasar noites sen durmir para tentar rematar aquilo que en horas diúrnas non podes. Son excesivamente metódico á hora de traballar. Escribo catro horas de martes a domingo. Gustaría de poder dedicarlle máis tempo a este oficio, mais non é o único que desenvolvo.
O poeta noiés ten un negocio na súa vila, que compatibiliza coa escrita, á que chegou cando era apenas un adolescente. Sentiu fascinación ante o primeiro contacto coa poesía, e pouco a pouco foi a máis. «A fascinación chegou cando tiña 16 anos. Primeiro, co abraio inicial de quen descubre unha disciplina artística. Pouco despois todo isto converteuse case nun xeito de vida, o prisma a través do que ollas a realidade. Practicamente o que me rodeaba, amigos, afeccións, actitudes... xiraba arredor das letras», conta o autor, que lembra que foi hai uns cinco anos que tomou a determinación de camiñar cara a profesionalización na literatura.