«Démoslle dinamismo ao concello, conseguimos situar a Outes no mapa»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

marcos creo

Manuel González destaca como grandes logros as políticas de conciliación e de emprendemento

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel González (Outes, 1975) estreábase como alcalde o 15 de xuño do 2019, despois de que o seu partido, Compromiso, chegara á sesión de investidura co mesmo número de concelleiros ca o PP, aínda que con máis votos. Era a primeira vez que Outes tiña un goberno en minoría. Collía o bastón de mando prometendo diálogo coa oposición e medidas para impulsar a economía local e frear o despoboamento. Tres anos despois, asegura que se sentaron as bases para cumprir ámbolos dous obxectivos.

—Confiaba en gañar aquelas eleccións do 2019?

—Levabamos tempo traballando cun proxecto pensado exclusivamente para Outes e dábanse as circunstancias para o cambio, penso que había ganas.

—Produciuse ese cambio?

—Démoslle dinamismo ao concello, conseguimos situar a Outes no mapa e puxemos en marcha servizos enfocados a mellorar a calidade de vida dos veciños. Está claro que aínda queda moito por facer.

—Que logros destacaría?

—Melloramos radicalmente as políticas de conciliación dobrando o horario e o persoal do punto de atención á infancia, instaurando o plan para madrugadores no colexio e implantando un campamento que se prolonga durante todo o verán. Todo isto fíxose ademais nun período complicado por mor da pandemia. Tamén se puxo en marcha unha axencia de desenvolvemento local para apoiar aos emprendedores e para asesorar aos empresarios, ao tempo que se creou un espazo coworking e se ideou a feira náutica que terá lugar en xullo. Estamos adoptando medidas para reverter a liña descendente, tanto a nivel económico como no que respecta á poboación.

—Cales son os principais retos por cumprir?

—Un dos principais ten que ver coa carencia de chan industrial, aínda que xa puxemos en marcha o mecanismo para solucionala. Logo analizaremos se existe demanda para construír un polígono. Tamén temos que seguir traballando para mellorar a atención ao nosos maiores, contando cunha residencia ou cun fogar residencial. Temos unha poboación moi avellentada.

—É máis difícil gobernar en minoría ou en era covid?

—É difícil gobernar cando tocan as dúas á vez. Quen nos ía dicir que nove meses despois de chegar ao goberno saltaría unha pandemia mundial. Foi moi complicado, pero penso que houbo unha gran resposta por parte da cidadanía e que o Concello de Outes estivo á altura das circunstancias. Fomos dos primeiros en poñer en marcha iniciativas para atender á xente maior que estaba confinada e tamén en habilitar unha liña de apoio para axudar a empresas e comercios. Foi difícil, pero o importante é que saímos adiante.

«A oposición está máis interesada en poñernos paus nas rodas ca en propoñer solucións»

O feito de gobernar en minoría provocou períodos de tensión no Concello de Outes, ata o punto de que Manuel González tivo que facerlle fronte a unha cuestión de confianza que incluso abriu as portas dunha moción de censura que a oposición non chegou a presentar.

—A falla de diálogo é a principal queixa da oposición, cal é a súa opinión ao respecto?

—Tratamos sempre de dialogar, pero o goberno fórmao Compromiso Outes. Unha cousa é o pleno e outra o goberno, que é o que ten que executar. Nos temas importantes, como os orzamentos, a modificación do plan urbanístico ou o plan de obras da Deputación, tratamos de chegar a acordos. Moitas veces dá a sensación de que a oposición está máis interesada en poñernos paus nas rodas ca en propoñer solucións aos problemas da xente. Entendo que teñen que facer o seu traballo, pero tamén deben pensar nas necesidades dos veciños.

—Pero ten o goberno en conta as propostas da oposición?

—Leváronse a cabo moitas iniciativas que foron expostas pola oposición. Boa parte das obras que se incluíron no POS son propostas que fixeron outros grupos.

—Sen embargo, non houbo acordo para os orzamentos deste ano e chegouse á cuestión de confianza. Tiña claro que non habería moción de censura?

—Facían falla uns orzamentos acaídos ás necesidades de Outes e fixen todo o posible para que se aprobaran mediante consenso, pero a oposición non quixo negociar. Sabiamos que tiñamos a carta da cuestión de confianza na man e o que se demostrou é que non hai alternativa ao goberno actual de Outes.

—Ten decidido xa optar á reelección?

—Se os meus compañeiros de partido o entenden así, eu estou en posición de continuar. Puxemos en marcha un proxecto novo e os obxectivos que nos marcamos son a medio e longo prazo. Quero consolidar os proxectos e darlles continuidade. Teño ganas de continuar o traballo emprendido neste mandato.

 

Hai catro anos, Manuel González aparcou a súa profesión de docente na Facultade de Económicas de Santiago para dedicarse á política.

—Bota en falla a súa faceta de docente?

—En parte si, pero non me arrepinto da decisión tomada. Ser profesor é moi satisfactorio, ademais colaboraba en diversos proxectos internacionais e viaxaba.

—Que é o mellor de ser alcalde?

—Ver que grazas ao traballo e a pequenos logros se vai mellorando a situación da xente que me rodea.

—E o peor?

—Ter que dotarme dunha gran dose de paciencia. Moitas veces escoito críticas inxustas, porque hai problemas que non se poden solucionar de forma inmediata.

—Que fai cando non é alcalde?

—Dedícolle o tempo á miña familia; a viaxar, aínda que menos do que o facía antes de ser alcalde; e a ir de cañas cos amigos.

—Cales son as súas principais afeccións?

—Lamentablemente fun reducindo as miñas afeccións por falla de tempo. Leo pouco e non practico deporte, aínda que debería.

—Cal é o seu recuncho preferido de Outes?

—Teño tantos... Un pode ser punta Albán, en Rates, pola vista que ofrece da desembocadura do Tambre. Tamén me gustan as panorámicas desde Broña e O Freixo.