Enrique Paisal, Cofradía da Dorna e Manuel Caamaño, premios Barbantia da cultura

Ramón Ares Noal
M. Ares RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

A tradicional figura de Sargadelos dos sereos será sustituída a partir deste ano por unha escultura de Soledad Penalta
A tradicional figura de Sargadelos dos sereos será sustituída a partir deste ano por unha escultura de Soledad Penalta

Os sereos, que cambian de deseño, unha escultura de Soledad Penalta, serán entregados en Outes o sábado

15 dic 2021 . Actualizado a las 16:32 h.

Os integrantes da Asociación Cultural Barbantia elixiron aos premios Sereo deste ano no transcurso dun proceso de votación desenvolvido nas últimas semanas. Este martes reuniuse o xurado para facer reconto e, posteriormente, fixo pública a identidade das persoas e a entidade que xuntaron máis apoios.

Na modalidade de Traxectoria Cultural en Barbanza, os socios de Barbantia elixiron ao músico de Palmeira Enrique Paisal, fundador de Los Tamara e de diversas agrupacións corais, entre elas, a municipal de Ribeira.

Enrique Paisal gañou na categoría Traxectoria Cultural en Barbanza
Enrique Paisal gañou na categoría Traxectoria Cultural en Barbanza MARCOS CREO

Pola Iniciativa Cultural no Barbanza, foi a Real e Ilustre Cofradía da Dorna a distinguida co Sereo correspondente polo seu traballo a prol da cultura tradicional, a solidariedade e a organización dunha festa que traspasa fronteiras.

No apartado de Iniciativa Cultural no Barbanza é a Real e Ilustre Cofradía da Dorna a distinguida con un Sereo
No apartado de Iniciativa Cultural no Barbanza é a Real e Ilustre Cofradía da Dorna a distinguida con un Sereo CARMELA QUEIJEIRO

No eido da Cultura Galega, trátase do noiés Manuel Caamaño, escritor, expresidente de O Facho, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, ademais doutros méritos, quen recollerá a prezada figura.

Manuel Caamaño foi o elixido no eido da Cultura Galega
Manuel Caamaño foi o elixido no eido da Cultura Galega MARCOS CREO

Por outra banda, no decurso do proceso, e seguindo as indicacións da masa social de Barbantia, entran como finalistas para a edición do ano 2022, o pintor noiés Xosé Luís Veiras Manteiga, no eido de Traxectoria Cultural no Barbanza; o Museo do Grabado de Artes, como entidade acredora ao Sereo da Iniciativa Cultural en Barbanza, e o académico galego Xesús Alonso Montero, na modalidade de Cultura Galega.

Acto de entrega

A entrega dos sereos vai ser este sábado, ás 12.30 horas, na Casa de Cultura de Outes, e para asistir é necesario facer unha reserva previa, por gardar as garantías esixidas para a prevención de contaxios de covid.

Por outra banda, no mesmo encontro, a Asociación Cultural Barbantia vai presentar o Anuario de Estudos do Barbanza, que acada a súa XVII edición, e o suplemento número 170 de A Voz de Barbantia, que se publica o mesmo sábado nestas páxinas de La Voz de Barbanza.

A partir deste ano, a figura dos Sereo pasa a ser unha escultura de Soledad Penalta.

O peche de ano é intenso na Asociación Cultural Barbantia, xa que aos actos que está a desenvolver practicamente todas as semanas súmase a recente publicación da sexta recompilación de A Voz de Barbantia, que está a disposición do público en xeral nos puntos de venda deste xornal ao prezo de 2 euros.